Ángeles Vázquez non aceptará "ningunha coacción" tras a concentración diante da súa casa en relación a Altri

O BNG, a quen o PP vinculou a protesta do domingo, condenou nas últimas horas "calquera tipo de intimidación ou ameaza" a cargos públicos, aínda que acusou aos 'populares' de lanzar un "bulo" e tentar "criminalizar" as protestas contra Altri

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/03/2025 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, advertiu este martes de que non aceptará "ningún tipo de coacción" tras a concentración contra o proxecto de Altri celebrada o pasado domingo ante o seu domicilio en Melide, e animou a quen "teña dúbidas" a acudir ao xulgado.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, tras a firma dun convenio co reitor da Universidade de Vigo, e subliñou que leva en política desde 1999 e "hai certas liñas vermellas que non se deben pasar", en alusión a un cartel da protesta, no que se apelaba directamente á conselleira e á súa familia.

Segundo sinalou Ángeles Vázquez, cando se ocupa un cargo público hai que estar preparado para as críticas. "Pero as críticas teño que recibilas eu como conselleira", matizou, antes de engadir que as familias "nunca teñen que estar no epicentro de ningún tipo de políticas".

Nese sentido, lembrou que "hai centros de traballo, hai unha axenda pública e un parlamento", pero "xamais pode ser un domicilio un lugar para realizar unha protesta, e moito menos que a familia sexa protagonista dunha pancarta".

Ángeles Vázquez agradeceu "as desculpas por parte dalgún grupo político" e remarcou: "Eu estou aquí para traballar e non vou obedecer a ningún tipo de coacción, nin me vai a amedrentar ningunha empresa, ningún promotor, ningún grupo político, ningunha plataforma".

"O que lles pido é que, se teñen algunha dúbida, estamos nun Estado de Dereito, hai un xulgado, que asistan aí. E o mal grolo que puidese pasar a miña familia quede só nun suceso moi illado e que non se volva a repetir", sentenciou.

O BNG, a quen o PP vinculou a protesta do domingo, condenou nas últimas horas "calquera tipo de intimidación ou ameaza" a cargos públicos, aínda que acusou aos 'populares' de lanzar un "bulo" e tentar "criminalizar" as protestas contra Altri.

Pola súa banda, un dos participantes nese acto, Ramón Laia, publicou nas súas redes sociais que o cartel "non pretendía ser, nin moito menos, unha ameaza, senón unha alusión á saúde das familias" da zona de influencia do proxecto. Laia, que tamén se desvinculou do BNG, explicou que a protesta e os carteis pretendían alertar sobre o impacto nocivo da iniciativa de Altri para as familias da zona, incluída a de Anxos Vázquez.



A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez, co reitor da UVigo, Manuel Reigosa.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez, co reitor da UVigo, Manuel Reigosa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta