O BNG oponse "rotundamente" ao plan de rearmamento da UE: "Á señora guerra non lle importa que o prezo o paguen os pobos"

"Hai que volver á democracia e non estar supeditados nin á OTAN nin Estado Unidos", afirmou a eurodeputada nacionalista Ana Miranda durante o debate da Comisión Europea no que a presidenta Von der Leyen presentou o seu proxecto 'Rearm EU'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2025 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG Ana Miranda trasladou á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyer, a "rotunda oposición" dos nacionalistas galegos ao proxecto de rearmamento da Unión Europea, así como á escalada bélica. "Presidenta Von der Leyen, ante a escaldada militarista e bélica, trasládolle como eurodeputada dunha organización pacifista, a nosa máis rotunda oposición a este rearmamento europeo", sinalou Ana Miranda na súa intervención durante o debate no que a presidenta Von der Leyen presentou o seu proxecto 'Rearm EU'.

"Á señora da guerra non lle importa que o gasto militar o paguen os pobos, non lle importa que a factura da guerra a pague a cidadanía", dixo. A eurodeputada do BNG criticou que prefiran apoiar o belicismo en lugar do gasto social. "Que prefiran máis gasto militar e menos servizos públicos como vivenda, sanidade ou as pensións". Fronte a esta estratexia de aumento do gasto militar, Miranda defendeu que é necesario "volver á paz, á resolución pacífica dos conflitos, á democracia, á defensa dos dereitos humanos". "Hai que volver á democracia e non estar supeditados nin á OTAN nin Estado Unidos", afirmou.

RISCO DE POBREZA

Respecto diso, a europarlamentaria criticou que "mentres na Unión Europea hai máis de 90 millóns de persoas en risco de pobreza e exclusión social, a Comisión Europea pretende desviar os fondos da cohesión social, económica e territorial a gasto militar mediante a aplicación da cláusula de escape do Pacto de Estabilidade, como xa adiantou a presidenta da Comisión Europea o pasado 4 de marzo. Esta cláusula supón a suspensión temporal do teito de déficit público do 1,5 % para permitir aos Estados membro un aumento da débeda co fin de incrementar o gasto militar en defensa. "Como organización política pacifista non imos consentir que se aproben orzamentos que vaian condicionar as políticas sociais e, por tanto, opómonos rotundamente a este rearmamento militarista", sinalou.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no debate
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no debate | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta