Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2025 | Actualizada ás 16:53
Reproches pola falta de palabras de solidariedade coa conselleira de Medio Ambiente e a súa familia, e acusacións cruzadas de "ameazas" en relación á futura decisión sobre a fábrica de Altri en Palas de Rei protagonizaron este martes o debate entre PP e BNG dunha moción no pleno que, a instancias do BNG, viraba ao redor desta cuestión.
En concreto, a moción, rexeitada cos votos en contra do PPdeG, reclamaba que se fixesen públicos todos os acordos asinados entre Impulsa e Altri, así como os informes de Augas de Galicia en relación co abastecemento e vertedura do proxecto, ademais doutros informes sectoriais recibidos. A maiores, esixía abrir unha investigación e "depurar responsabilidades" pola filtración aos medios do informe de Augas e "non financiar o complexo industrial contaminante de Altri". "Temos que decidir de que lado estamos, do de Altri ou do dos sectores produtivos do noso país", dixo Luís Bará na súa intervención.
Con todo, os populares aproveitaron este debate para afear ao BNG que durante o pleno non expresasen "a máis mínima palabra de apoio á conselleira de Medio Ambiente", Ángeles Vázquez, polo cartel aparecido nas proximidades da súa vivenda para "intimidala a ela e á súa familia", en palabras de Gonzalo Trenor.
"Non todo vale", dixo o deputado popular, que acusou a "persoas que foron en listas do BNG" de "intimidade á conselleira e á súa familia" cun "ataque no seu propio domicilio". "Xa abonda de coaccións", clamou, reclamando unha condena de boca dos nacionalistas durante o pleno.
"CUESTIÓN TÉCNICA"
Así mesmo, Trenor defendeu que a autorización de Altri é "unha cuestión estritamente técnica" que "dependerá só dos funcionarios da administración", aos que instou a "respectar". Fronte a iso, dixo, "a realidade non se adapta ao discurso" do BNG, polo que "necesitan pór fume e alterala". O deputado do PP acusou aos nacionalistas tamén de "buscar dobregar a independencia dos técnicos" con "continuas presións aos funcionarios" buscando un ditame negativo.
Na súa intervención, o deputado do BNG Luís Bará replicou aos populares que este luns xa emitiron un comunicado condenando "calquera tipo de intimidación ou ameaza que se poida exercer sobre un cargo público ou sobre a súa contorna persoal", e trasladando o seu apoio á conselleira "se nalgún momento sentiu ameazada ou intimidada".
Ademais, Bará considerou que aos populares "caéuselles a máscara" cando o propio autor do cartel saíu a desvincularse do BNG e a dicir que "non houbo nin intención de chantaXear nin de presionar", porque "nas mobilizacións hai xente de todas as cores". "Pero a vostedes válelles todo para atacar ao BNG", concluíu.
Ao contrario, Luís Bará cargou contra o Goberno da Xunta e contra os populares, a quen acusou de "presionar e chantaxear aos técnicos da administración" en busca "dun informe favorable" á planta. "Quen ameaza e agride á xente que se mobiliza é a Xunta e o PP, a xente sente ameazada por vostedes e polo proxecto de Altri", dixo o deputado do BNG, que criticou o "impacto emocional" que este proceso está a ter nas vidas dos habitantes da Ulloa.
TAMÉN NO DEBATE DE DESPOBOAMENTO
Tamén a seguinte moción, presentada polo BNG, sobre o financiamento dos pequenos concellos afectados polo despoboamento e as medidas relativas ao reto demográfico, serviu para sacar a colación a fábrica de Altri e o cartel alusivo a Vázquez e a súa familia. En concreto, o deputado popular Argimiro Marnotes defendeu "os esforzos" da Xunta para apoiar ao vos municipios galegos de menor tamaño, atraer industria e fixar poboación, algo no que situou proxectos como o de Altri. "Se un se opón á instalación de industrias, como ocorre con Altri, non pode falar de reto demográfico", clamou, tras o que expresou a súa "rotunda condena ao ataque sufrido por Ángeles Vázquez".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.