1 de 29084 en Economía seguinte

Concentración de traballadores de Masol Iberia Biofuel en Ferrol para reclamar melloras salariais

Segundo asegurou o presidente do comité de empresa, Joaquín Souto, a mobilización veu precedida de "unhas negociacións coa dirección da empresa durante aproximadamente un ano e medio", as cales non chegaron "a bo porto"

Por E.P. | Ferrol | 12/03/2025 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

Uns 15 traballadores da empresa Masol Iberia Biofuel, situada no porto exterior de Ferrol, concentráronse na tarde deste mércores á entrada destas instalacións par reclamar melloras salariais, sobre todo no departamento de produción.

Segundo asegurou o presidente do comité de empresa, Joaquín Souto, a mobilización veu precedida de "unhas negociacións coa dirección da empresa durante aproximadamente un ano e medio", as cales non chegaron "a bo porto".

Así, detallou que o que piden é que se elimine a discriminación salarial que existe entre os traballadores, sobre todo do departamento de produción, aínda que tamén afecta a outros departamentos e a outros compañeiros. Alega que "non se respectan os grupos profesionais marcados no convenio" e que hai "diferenzas entre compañeiros do mesmo grupo ou diferentes grupos, incluso estando a quendas ou sen quendas", e que chega a ser de entre un 10% e 15%.

Outra das demandas do colectivo social é "a parte de seguridade", ao estimar que "a empresa está a incumprir insistentemente no tema de risco biolóxico e risco cancerígeno que temos na planta", dedicada á produción de biodiésel.

"Ante isto, non nos queda outra que presentar esta semana unhas reclamacións na inspección laboral para que cumpran con esta materia".

CALENDARIO LABORAL

Joaquín Souto detallou, en declaracións aos medios de comunicación, que tamén está o problema de que o calendario laboral é "imposto", "non negociado co comité de empresa nin cos compañeiros".

"Isto o que está a facer é prexudicando a todo o persoal de produción, que é o que está a quendas, xa que a conciliación da vida laboral e persoal evidentemente é penosa", sinalou.

A preguntas dos medios de comunicación, o representante da CIG tamén puxo encima da mesa as diferenzas salariais con respecto ás outras dúas plantas que ten a empresa, en Castelló e Cartagena, sendo a de Ferrol e a da Comunidade Valenciana "as máis discriminadas" en canto a salarios.

Por último, detallou que na actualidade son aproximadamente medio centenar de traballadores e que os investimentos aprobados "iniciáronse e para este ano 2025 espérase o groso coa instalación dos servizos que necesitamos".

"É por iso que pensamos que é un bo momento para darlle un empuxón a todo isto e ter en valor aos traballadores de Masol", anima.

Concentración traballadores Masol
Concentración traballadores Masol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta