Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 13:19
O BNG insistiu en que a súa postura sobre o cartel da CIG sobre a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, "é suficientemente clara" e radica na consideración de que a "crítica" política debe ir dirixida "aos problemas" relacionados coa xestión que, no caso de Política Social, "son moitos". Este xoves, a deputada nacionalista Noa Presas volveu a ser cuestionada en rolda de prensa polo polémico panfleto do sindicato nacionalista, que centrou boa parte do foco no debate da última sesión plenaria do Parlamento de Galicia, concluído o mércores.
"As mulleres temos que ser criticads polo que facemos en política. E as críticas políticas son lexítimas e teñen que estar dentro da normalidade", subliñou Presas, que engadiu que a "crítica política ten que ir centrada nesa cuestión". "A campaña sae dun centro de traballo que ten moitísimos problemas. A crítica ten que ir aos problemas, a que Fabiola García non se reúne coas traballadoras, máis de 12.000 que cobran por baixo do salario mínimo interprofesional e que están en trámites para ir á folga e denuncian a psiquiatrización dos centros", engadiu Presas, que cre que "todo iso" é o que o PP "quere tapar" cos seus "bulos".
O PPDEG DENUNCIA "O DANO QUE LLE FAI A ESQUERDA ÁS MULLERES"
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou que "cada vez é máis necesario cumprir iso que se di tanto en política de que o Día da Muller ten que ser todos os días" e criticou "o dano que lle fai a esquerda ás mulleres" con actitudes como, reiterou, a do BNG, que "un mes despois segue sen condenar" o cartel da CIG que caricaturiza á conselleira de Política Social, Fabiola García. Prado criticou "o dano" que, ao seu xuízo, "fai a esquerda ás mulleres" e exemplificouno coa actitude do BNG ante "o panfleto machista" da CIG ou ao "xustificar o escrache contra outra conselleira alegando que se trataba dun acto reivindicativo polo 8-M".
A todo iso, sumou que "o cartel do 8-M dos independentistas galegos ten detrás a unha autora que dixo que lle gusataría dar hostias" á presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. "E que o BNG non di nada tampouco de que haxa máis de 1.500 agresores sexuais beneficiados pola lei do 'só si é si' que apoian eles e tamén o PSOE", agregou. "O mesmo PSOE, por certo, que segue sen abrir unha investigación interna sobre a contratación de señoritas de compañía elixidas por catálogo, que se desmarca de Ábalos e que segue aliado con Sumar a pesar de Errejón ou Monedero", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.