Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/03/2025 | Actualizada ás 18:07
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirmou ao deputado do BNG, Néstor Rego, que "probablemente" o aumento do gasto en seguridade e defensa que planea a Unión Europea e o Executivo non se votará no Congreso.
"Pregunteille se esta cuestión ía ir a debate no Congreso e díxome que probablemente non", resumiu o propio Rego nunha rolda de prensa desde Moncloa tras a reunión co xefe do Executivo, ao ser preguntado en varias ocasións sobre se finalmente Sánchez estaba disposto a abordar este asunto no parlamento.
Precisamente, Rego aproveitou o encontro con Sánchez para trasladarlle o "rexeitamento frontal" do seu partido ás intencións do Executivo e da UE porque, ao seu xuízo, só "contribuirá a escalar, máis aínda, os diferentes conflitos existentes a día de hoxe" e suporía unha "grave ameaza para a cidadanía".
O BNG AVOGA POLA COOPERACIÓN
Desde a súa formación "non poden aceptar" que o Executivo dea prioridade a "alimentar a guerra" e non ás políticas sociais como a sanidade, educación ou a transición xusta, que é, segundo dixo, a "mellor forma de garantir a seguridade da cidadanía" e non "alimentando unha industria armamentística que só beneficia os grandes lobbies, sobre todo o norteamericano, e perpetúa os conflitos".
"Nós estamos convencidos de que calquera recurso económico que se utilice para aumentar o gasto en defensa, de forma directa ou indirecta, vai afectar as políticas sociais, o benestar social", recalcou.
Por iso, reclamou a Sánchez que reconsidere a súa postura e que aposte por unha política internacional na que se "promova a paz" e que este baseada na "cooperación e o respecto á soberanía dos pobos" porque o BNG "non vai ser cómplices desta lóxica da guerra". "A UE está a se converter nun actor belicista, seguindo as directrices da OTAN", lamentou.
Por último, o BNG deixou clara a súa oposición á posibilidade de enviar tropas a Ucraína: "Non nos parece que sexa a mellor solución --afirmou--. Teriamos que decidir no seu momento en función do contexto, pero a priori, visto desde agora, non nos parece que falar da presenza de tropas de países da Unión Europea en Ucraína poida axudar, senón todo o contrario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.