Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 13/03/2025 | Actualizada ás 15:03
O Goberno municipal do Carballiño advertiu de que varios negocios da localidade recibiron chamadas nas que o interlocutor finxe falar desde o Consistorio para a suposta renovación das licenzas de actividade. Así o alertou o goberno deste municipio ourensán a través das redes sociais, nas que avisa de que foi coñecedor desta fraude polos propios locais.
A mecánica é a seguinte: o negocio recibe unha suposta chamada do Concello para facilitarlle unha ligazón e claves para a renovación desta autorización para os locais. O posible obxectivo, como é habitual neste tipo de ciberestafas coñecidas como 'fishing', é o de obter información persoal da vítima. O primeiro caso púxose en coñecemento do Concello este mércores. "A persoa enseguida desconfiou e púxose en contacto connosco", explica o concelleiro de Cultura, Diego Fernández. Posteriormente a corporación coñeceu un segundo intento de timo dirixido a un local de hostalaría.
"Estamos a esperar a ver se realmente algún achegou algún tipo de documento e, se nalgún caso se consumou, interporase unha denuncia", engade o representante municipal, que espera tentar parar posibles estafas noutros sitios ao pór estes sucesos en coñecemento. Unha vez dada a voz de alarma, Diego Fernández cre que, de haber máis casos, xa detectarían a posible fraude: "Entendo que moitos, ao estar informados, declinaron a chamada ou achegar calquera tipo de dato", explicou. A corporación municipal trasladou a información á Policía Local e insiste en que non se están realizando tales chamadas para evitar que propietarios e traballadores dos comercios do Carballiño caian neste posible engano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.