O alcalde de Pontevedra: "Non estou de acordo en máis gasto en armas. Afecta ao peto das persoas"

Avisa de que o aumento en gasto militar repercutirá nuns 500 euros anuais en cada veciño.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/03/2025 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), expresou este xoves a súa "preocupación" pola "complicada" situación internacional e pola repercusión que terá o previsto aumento en gasto militar de España.

Segundo os cálculos do goberno local do BNG en Pontevedra, este incremento do gasto militar vai supor para cada pontevedrés 500 euros anuais durante catro anos. "Soamente quero transmitir a miña opinión de que non estou de acordo en máis gasto en armas", manifestou. "Son decisións que van afectar ao peto de todas as persoas", engade.

"Como alcalde de Pontevedra estou preocupado por esta situación, independentemente das opinións políticas que teñamos, porque se está falando de cuestións moi concretas e con datos na mesa, como os 800.000 millóns de euros que a Unión Europea quere incrementar en gasto militar o próximos catro anos", afirmou nunha comparecencia de prensa celebrada este xoves.

Segundo comentou o rexedor nacionalista este gasto, que no caso de España será duns 100.000 millóns de euros, traducirase para os pontevedreses nunha media de 500 euros por persoa ao ano. "Estamos a falar dunha barbaridade de diñeiro", dixo. "De onde sairá ese diñeiro? Ou ben dunha subida de impostos ou ben pola vía de baixar os investimentos e da redución de servizos públicos", avisa.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta