Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 19:58
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou en Ferrol a vixencia do "inmenso" legado político de Castelao, "figura central" do nacionalismo galego.
Asegurou estar convencida que se "hoxe fose deputado no Parlamento galego, subiría á tribuna para apoiar as mesmas posturas que hoxe defende o BNG".
Así o afirmado no acto conmemorativo do Ano Castelao que o BNG e a Fundación Galiza Sempre organizaron na cidade naval, no marco do programa que, baixo a lema 'Castelao, Nacionalista Galego', están a desenvolver neste 2025 por toda Galicia e no que tamén interveu o portavoz municipal, Iván Rivas, e o escritor e divulgador, Manolo Rei.
Pontón sinalou a Castelao como a figura que "trazou o verdadeiro programa político do nacionalismo" e rexeitou "calquera intento de manipulación ou visión reduccionista sobre a súa memoria".
"As súas ideas constrúen o noso discurso, o das persoas que traballamos por unha Galicia máis xusta, que decida por si mesma, que se goberne, que non padeza discriminacións, que teña un futuro próspero e que non se deixe asoballar por quen queire aproveitar os nosos recursos e roubarnos os nosos beneficios", defendeu.
"SEGUIR O IDEARIO DE CASTELAO"
Nesta liña, exhortou a recuperar a figura de Castelao na súa integridade e "defender a súa vixencia non como unha obra conxuntural, senón como un grandioso monumento político que continúa ergueito".
Así mesmo, a portavoz nacionalista animou a seguir o ideario de Castelao e "defender o dereito de Galicia a existir e a decidir o seu destino" en temas como a lingua -- "que o PP situou en mínimos históricos despois de 15 anos de políticas lingüicidas" -- , ou na terra, "fronte a proxectos como Altri que ameaza a destrución do medio ambiente".
Por último, Pontón recalcou a "grandeza" e condición política de Castelao que, "nin o desterro conseguiu apagar" e que foi capaz de, desde o exilio, "deseñar e crear o goberno que Galicia necesitaba, converténdose no primeiro presidente galego, ao porse á fronte do Consello de Galicia, do que se cumpriu o pasado 15 de novembro o 80 aniversario da súa fundación".
"Castelao presidía un goberno legalmente constituído fronte á ilegalidade do golpe militar que se impuxo en 1936 e, por tanto, é necesario restituír a súa condición de presidente no proceso de recuperación da memoria histórica que defendemos", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.