Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/04/2016 | Actualizada ás 20:40
O Parlamento de Galicia promulgou hoxe unha declaración pola cal expresa o seu apoio á liberdade do pobo saharauí e insta as autoridades, tanto españolas como da ONU, a tomar medidas para reforzar a súa autonomía.
Neste documento considera "imprescindible" o reforzo da presenza da MINURSO nos territorios ocupados, de maneira que poida asumir o labor de vixiar e salvagardar os dereitos humanos da poboación do Sahara Occcidental.
Ademais, o Lexislativo galego pide ao Goberno de España e aos membros do Consello de Seguridade da ONU que prioricen o diálogo para obter, canto antes, "unha solución xusta e definitiva" que leve á práctica o recoñecido dereito de autodeterminación do pobo saharauí mediante a celebración dun referendo.
Ademais, reclama "garantías de transparencia e legalidade" nos procedementos xudiciais abertos contra os presos saharauís que participaron no campamento de protesta de Gdeim Izik. Estas actuacións reafirman o compromiso asumido tras a firma dos últimos acordos da conferencia Intergrupos Parlamentarios Paz e Liberdade no Sahara Occidental.
Actualmente, existe un conflito aberto entre o organismo supranacional e o goberno de Marrocos, que controla a zona, tras a expulsión do país de 73 membros da Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sahara Occidental (MINURSO) e da negativa do Goberno de Rabat a recibir ao secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.