A Xunta prevé autorizar ambientalmente o proxecto de Altri en Palas de Rei este verán

A conselleira Anxos Vázquez defende a viabilidade ambiental da planta e afirma que 'non terá impacto negativo na saúde ou nos sectores produtivos'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2025 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Autorización Ambiental Integrada (AAI) para o proxecto da pasteira Altri en Palas de Rei (Lugo) estará lista "en principio, non máis aló do verán", segundo anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez, nunha entrevista emitida na Cadea Ser. A responsable autonómica reafirmou o apoio do Goberno galego á tramitación do proxecto, malia ás críticas sociais e políticas que xerou nos últimos meses.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comparece en rolda de prensa para informar sobre a DIA de Altri
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comparece en rolda de prensa para informar sobre a DIA de Altri | Fonte: Xunta de Galicia

A conselleira saíu ao paso das mobilizacións convocadas contra a planta, como a celebrada recentemente na Pobra do Caramiñal, e asegurou que os informes técnicos avalan que non se producirán afeccións sobre a saúde da poboación nin sobre sectores como o pesqueiro, a agricultura ou a gandaría. "Quero lanzar unha mensaxe de máxima tranquilidade", declarou Vázquez, tras remarcar que a planta está deseñada para operar "en condicións de sustentabilidade total e absoluta".

Sobre o consumo de auga, cifrado pola empresa en 46.000 metros cúbicos diarios, a conselleira asegurou que se trata do 5% dispoñible incluso nos meses de seca, e que esa auga será tratada e devolta ao río. "Ninguén bebe auga directamente do río, pasa por unha planta potabilizadora", apuntou. Ademais, indicou que a temperatura da vertedura non poderá superar os tres graos por enriba da media do Ulla.

Consultada pola posible repercusión do proxecto sobre a ría de Arousa, subliñou que a planta estará situada "a 130 quilómetros de distancia seguindo o curso do río", e lembrou que entre medias existe unha presa que actúa "como filtro natural".

En canto ás críticas vertidas pola exdirectora da Axencia Galega da Industria Forestal, Mercedes Rois, quen advertiu de "consecuencias irreversibles" no impacto ambiental da planta, Vázquez declarou que "se participou no proxecto e non deixou por escrito esas advertencias, sería unha irresponsabilidade".

A conselleira tamén respondeu ás preguntas sobre por que a empresa non optou por instalarse en Portugal: "Porque aquí ve estabilidade política e conta cos recursos axeitados", apuntou, antes de pedir ao BNG e ao PSdeG que "non estigmaticen ás empresas interesadas en Galicia".

Finalmente, advertiu que se Altri cumpre cos criterios para acceder a fondos europeos e non os recibe, "sería prevaricación" por parte do Goberno central. Segundo dixo, a Xunta non financiará directamente a macroempresa, pero reclama trato igualitario respecto doutras iniciativas industriais que tamén optan a financiamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta