Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2025 | Actualizada ás 19:16
A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, denunciou este domingo o que cualificou como un "auténtico caos eólico" na Comunidade, que atribúe á "ausencia dunha política de transición ecolóxica e industrial recoñecible" por parte da Xunta.
A parlamentaria socialista advertiu que actualmente existen máis de 80 parques eólicos paralizados por resolucións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), moitos deles, segundo afirmou, por non cumprir cos criterios de sustentabilidade ambiental esixidos legalmente.
Neste sentido, Iglesias censurou que o Plan Sectorial Eólico vixente sexa o aprobado en 1997, e asegurou que a actuación do Goberno galego neste ámbito está marcada pola "falta de planificación" e por desenvolver proxectos "de costas aos veciños, aos concellos e mesmo ao propio sector".
"Comezaron a casa polo tellado", afirmou, referíndose ao proceso de tramitación e aprobación de instalacións sen unha planificación actualizada nin criterios claros que garantan o respecto ao territorio.
A pesar das críticas, a deputada socialista subliñou que o seu grupo aposta pola enerxía eólica como fonte limpa e necesaria dentro da transición enerxética, mais esixe que a súa implantación se realice con "garantías xurídicas, respecto ambiental e participación social real".
Por todo isto, o PSdeG vén de rexistrar novas iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de que a Xunta "dea explicacións urxentes" e presente unha "folla de ruta seria, transparente e con futuro para Galicia" no eido da enerxía renovable.
As propostas serán debatidas nas próximas sesións da Cámara autonómica e buscan abrir un novo escenario de diálogo entre administración, cidadanía e empresas, segundo indicaron fontes do grupo parlamentario socialista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.