Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/04/2016 | Actualizada ás 17:00
Os socialistas, ou cando menos os seus dirixentes, están convencidos de que o PSdeG non se converterá na terceira forza política galega logo das vindeiras autonómicas e, polo tanto, non sufrirá un sorpasso, como aconteceu en 1997, cando Xosé Manuel Beiras situou ao BNG nas súas máximas cotas de apoio político na Cámara galega, convertendo a esta formación na segunda da cámara galega.
"Hoxe somos a alternativa real a un goberno de Núñez Feijóo e a vontade é ser a cabeza dun goberno alternativo. Ese é a formulación antes das eleccións e logo falarán os electores", dixo este venres o portavoz do PSdeG no Parlamento galego, José Luís Méndez Romeu, que recalcou que o seu partido "non considera de ningún xeito" ser terceira forza en Galicia tras as eleccións autonómicas previstas para o próximo outono.
Nunha conferencia de prensa na Cámara galega, Méndez Romeu tamén evitou falar sobre as informacións que o sitúan na loita por facerse co liderato no PSdeG. "Cando decidan serán oportunas e quen gañe terá todo o meu apoio", limitouse a dicir, aínda que lembrou que a Xunta asegura que as eleccións aínda serán dentro de seis meses, polo que considerou que queda tempo.
Sobre as reunións que está a manter o alcalde de Vigo, Abel Caballero, con distintas agrupacións por toda Galicia, o portavoz do PSdeG no Parlamento afirmou que "está a facer un gran servizo tentando articular unha nova maioría e superar as diferenzas nun proxecto común".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.