Manuel Rivas e María do Cebreiro, Premios da Crítica en galego

Foron galardoados polas obras "O último día de Terranova" e "O deserto", respectivamente.

Por Galicia Confidencial | Canarias | 23/04/2016 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

Manuel Rivas, pola novela "O último día de Terranova" e María do Cebreiro, por "O deserto", foron elixidos como gañadores dos Premios da Crítica en galego.

Manuel Rivas
Manuel Rivas

A decisión do xurado dos Premios da Crítica foi dada a coñecer en rolda de prensa  na Casa Principal de Salazar, en Santa Cruz de la Palma. Estes premios concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios desde 1956 e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no ano anterior, tanto en castelán como en galego, vasco e catalán.

En castelán, os galardóns recaeron na novelista Cristina Fernández-Cubas, con "La habitación de Noa", e a poeta Ángeles Mora, con "Ficcioness para una autobiografía".

Ademais, en lingua catalá os premios foron para a novelista Martí Dominguez por "Sega", e en poesía para Gemma Gorga por "Mur", mentres que en lingua vasca gañaron Ramon Saizarbitora coa novela "Lili eta biok" e Juan Kruz Igerabide con "Los poemas de Lainoa Janez".

O Premio da Crítica non ten dotación económica e os candidatos son os autores todas as publicacións do ano anterior.

O xurado formárono Ángel Basanta como presidente e como vogais Fernando Valls, Araceli Iravedra, José Luís Martín Nogales, José Enrique Martín, Jorge de Arco, Luís Bagué, José Belmonte, Francisco Díaz de Castro, Juan José Lanz, Nicolás Melini, Xelo Candel, Olivia Rodríguez e Javier Rojo.

A primeira edición deste galardón celebrouse en 1956, ano no que o premio foi para Camilo José Cela, a quen seguiron, entre outros, Rafael Sánchez Ferslosio, Ana María Matute, Álvaro Cunqueiro, Elena Quiroga, Ramiro Pinilla, Miguel Delibes e Mario Vargas Llosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta