Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2025 | Actualizada ás 11:04
Amnistía Internacional (AI) presentou o seu Informe Anual 2025 no que se ve con "preocupación" o acceso a dereitos básicos, como a vivenda ou a sanidade en Galicia, ou a acollida de menores migrantes, e no que se apunta que, a nivel de España, o dereito á protesta pacífica segue "sufrindo retrocesos".
Así, a organización lembrou que o pasado mes de febreiro, o director de Amnistía Internacional España, Esteban Beltrán, trasladou ao presidente da Xunta a súa disposición a iniciar un diálogo sobre sanidade, acceso á vivenda, acollida de menores migrantes e acción exterior.
A portavoz de AI en Galicia, Sara Prieto, subliñou que Galicia necesita "aumentar os recursos humanos e materiais" no ámbito da sanidade, xa que o investimento caeu un 5 % no gasto xeral e un 7 % na Atención Primaria, e reclamou aumentar ese investimento ata o 25 %, "como recomenda a OMS".
En materia de vivenda, AI Galicia cre o plan autonómico para construír 8.000 vivendas públicas ata 2028 é "un primeiro paso insuficiente", xa que só alcanzaríase a metade da media europea de vivenda social, e pediu que se marquen obxectivos anuais de vivenda protexida, nun plan con perspectiva de xénero "e que garanta a non discriminación".
Asimiso, Sara Prieto fixo fincapé na necesidade de aplicar controis aos prezos dos alugueres, implementar máis axudas á rehabilitación e intermediación de aluguer para pór no mercado vivendas baleiras, e aumentar os recursos para servizos sociais e alternativas habitacionales para casos de desafiuzamento.
INFANCIA MIGRANTE
Con respecto á protección da infancia migrante, a organización referiuse a a próxima chegada a Galicia de algo máis de 300 menores procedentes de Canarias, e esixiu medidas que "garantan o seu interese superior, unha acollida digna, e que se garanta o seu dereito a solicitar protección internacional, documentación, educaciín e programas que faciliten a súa transición á vida adulta".
Por outra banda, Amnistía Internacional Galicia reclamou tamén máis recursos para os xulgados de violencia sobre a muller, formación para "acabar cos prexuízos sexistas que dificultan o acceso á xustiza", e educación afectivo-sexual nos centros educativos.
Finalmente, en materia de acción de exterior, Sara Prieto pediu máis apoio da Xunta para impulsar as reclamacións de Amnistía Internacional en cuestións como o rexeitamento á pena de morte ou a denuncia do xenocidio en Gaza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.