Galicia camiña ao nivel 1, dando "por terminada a emerxencia" tras o apagamento

Rueda destaca a gran coordinación entre Galicia e o Estado nesta crise. O BNG ve "falta de confianza" do presidente en Galicia ao "ceder" as súas competencias ao Goberno e esixe explicacións.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 30/04/2025 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou na mañá deste mércores a previsión de 'desescalada' ao nivel 1 de emerxencias, tras unha "noite tranquila" e cando Galicia recuperou a "vida normal" despois do apagamento que comezou ao mediodía do luns e estendeuse ata a madrugada do martes.

Así o trasladou o titular do Executivo autonómico, en declaracións aos medios tras participar nun acto en Vigo, onde avanzou que, na reunión do CECOPI que se celebra na Estrada, a previsión é facer balance da situación e rebaixar o nivel de emerxencias a 1. Galicia xa baixou do nivel 3 (no que o Goberno central asume a coordinación das actuacións) ao 2 na tarde deste martes, e este mércores prevese seguir 'desescalando', de maneira que, unha vez no nivel 1, "en boa lóxica", poderase proceder a disolver o CECOPI (Centro de Coordinación Operativo Integrado), apuntou Rueda, e "dar por terminada a emerxencia".

Iso suporá, entre outras cuestións, sinalou o presidente, permitir que os efectivos da UME desprazados a Galicia "se poidan retirar", e quixo agradecerlles o seu traballo durante estas xornadas. Por outra banda, o presidente galego volveu a pór en valor a "boa coordinación" e "boa xestión" en Galicia ao longo deste episodio, e valorou que se traballou "conxuntamente, cada un dando as ordes no ámbito que lle corresponde, pero co mesmo obxectivo, de que todo funcionase adecuadamente".

Así mesmo, reiterou o seu agradecemento a todos os profesionais que fixeron posible que os servizos básicos seguisen funcionando nun momento de "incerteza total" e que traballaron para volver á normalidade, como os sanitarios, forzas e corpos de seguridade ou técnicos de compañías eléctricas.

"EXTRAER ENSINOS" E "DAR EXPLICACIÓNS"

Superada a crise, sinalou Alfonso Rueda, "hai que extraer moitas ensinanzas" e analizar que cousas se poden mellorar, para que non volva repetirse o ocorrido. Nese sentido, reiterou a importancia de "saber que pasou e sobre todo por que", e apuntou que "xa pasaron moitas horas" e seguen sen coñecerse as causas do apagamento. "Seguimos sen saber, hai un cruzamento de declaracións, de insinuacións que non aclaran nada, e necesitamos aclarar para que non volva pasar", afirmou.

"Espero que, a partir de agora, empecemos a recibir as explicacións que non recibimos ata agora, e con sustento técnico", reclamou o presidente da Xunta, que incidiu en que a xente soubo manter a tranquilidade e foi exemplo de "comportamento cívico", polo que agora ten que ser "correspondida" por esas explicacións por parte do Goberno.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA

COÑECER OS DANOS

Por outra banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou que a Xunta traballa "desde o primeiro momento" coas empresas e o clúster para coñecer os danos que sufriron as compañías debido ao apagamento eléctrico vivido o pasado luns.

En declaracións aos medios de comunicación, este mércores Lorenzana dixo que nalgúns casos esta afectación "non foi tan grave", pero noutros os danos foron "cuantiosos" e as firmas están a analizar a súa capacidade de reactivación. Por iso, o Executivo galego espera coñecer as causas do apagamento para ver se existe algún tipo de responsabilidade patrimonial por parte dalgunha Administración e se hai que reclamar apoios económicos.

BNG

Curiosamente, mentres Rueda mira para Madrid, o BNG solicitou a comparecencia urxente do presidente para que dea conta das decisións que tomou o seu goberno. Concretamente, o motivo de "ceder" as súas competencias "en favor do Goberno central", o que cualifican de "falta de confianza no país".

Así o confirmou a viceportavoz primeira dos nacionalistas no Parlamento, Olalla Rodil, este mércores en rolda de prensa. Consideran desde o BNG que o máximo responsable político deste país "debe dar unhas explicacións que, son sempre esenciais, pero máis se cabe en circunstancias tan excepcionais e insólitas como as vividas estes días".

Piden tamén levar a cabo unha valoración do impacto económico do apagamento na industria, "importante" para articular medidas e axudas para apoiar a estes sectores. Rodil incidiu nas decisións políticas tomadas polo Goberno galego entre o luns 28 e a mañá do 29 de abril, que "xeraron máis confusión e situacións tremendamente caóticas, moi especialmente no ámbito educativo".

Sobre isto, criticou as informacións "completamente contraditorias" dadas pola Xunta, que levou ao profesorado e ás propias familias á "confusión". "A última hora da tarde do día 28 díxose que se suspendían as clases e que o profesorado non tiña que acudir aos centros. Como moito, os directores e conserxes por se aparecía algunha incidencia. O 29 de abril, pola mañá, a Xunta dá unha contraorden e di que abre para servizos de conciliación. O profesorado non sabía se tiña que ir e as familias tampouco que facer cos nenos", relatou Rodil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta