Nace unha biblioteca adicada integramente ao Monte Pindo

Este mes terán lugar dúas subidas ao macizo, dous roteiros de limpeza e recuperación de rutas e a 6ª edición do Simposium Monte Pindo, adicado este ano á restauración da memoria histórica dos fuxidos durante a Guerra Civil.

Por Galicia Confidencial | Carnota | 09/05/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Comisión Rectora de Monte Pindo Parque Natural acaba de acordar a creación da Biblioteca do Monte Pindo, unha colección de obras bibliográficas e audiovisuais dedicadas total ou parcialmente ao Olimpo Celta.

Monte Pindo visto desde Fisterra
Monte Pindo visto desde Fisterra | Fonte: Asociación Monte Pindo Parque Natural

Esta biblioteca incluirá unha serie de obras descatalogadas desde hai décadas e moi difíciles de atopar xa, coma as primeiras edicións orixinais do Montes do Pindo de Barreiro Barral, gran obra de referencia sobre o macizo, o Galicia Incógnita de Pedro Marfany, a Guía de Galicia de Otero Pedrayo no que bautizou o Monte Pindo coma Olimpo Celta, ou o Antigüidades de Galicia escrito en 1845 por Barros Silvelo, e grazas ao que se puido recuperar o Medallón das Sete Pitas.

É a primeira vez que se crea en Galicia unha biblioteca deste estilo. "Todas estas obras e outras que iremos reunindo estarán á disposición do público xeral para a súa consulta nunha sala de estudo dedicada do noso local, e dispoñíbeis para o préstamo no caso das persoas asociadas", suliñou esta entidade nun comunicado.

Precisamente, a súa comisión rectora celebrou esta fin de semana a primeira xuntanza na que se homenaxeou a Helena e Julia, socias nº 145 e 146, as pequerrechiñas da entidade xunto con Carlota, quen non puido participar nos actos. A directiva do colectivo ambientalista deulles cadanseu carné de socia, camiseta e un puzzle do Xigante para divertirse mentras coñecen un elemento tan simbólico do Monte Pindo.

Esta xuntanza tamén serviu para actualizar as metas e obxectivos da Asociación e definir a súa axenda de actividades nos vindeiros meses, que consistirá en dúas subidas ao Monte Pindo este mesmo mes, dous roteiros de limpeza e recuperación de rutas e a 6ª edición do Simposium Monte Pindo, que se vai dedicar este ano á restauración da memoria histórica dos fuxidos no Monte Pindo durante a Guerra Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta