Por Xurxo Salgado | Compostela | 12/05/2016 | Actualizada ás 18:30
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non quixo este xoves pronunciarse sobre os erros no operativo de loita contra o incendio de Fandicosta, en Moaña, e defendeu a "profesionalidade" dos bombeiros "traballen onde traballen". “Os bombeiros que traballan no 112 son tan bombeiros como os que traballan no consorcio”, dixo. Sen embargo, o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, si se mostrou aberto a modificar os protocolos se así o determinan os técnicos.
Con respecto a este sinistro, Feijóo dixo que non fará distincións entre bombeiros polos seus centros de traballo nin entrará en que "se uns son máis ou menos eficientes que outros". “Os bombeiros de Moaña teñen ese ámbito territorial, todo O Morrazo, e que son eles os encargados de apagar os incendios nesa zona”, dixo en alusión aos primeiros que acudiron a apagar o lume e logo das críticas do colectivo de bombeiros polo malo operativo posto en marcha pola Xunta.
De feito, a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia denunciou e a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia "defectos de coordinación" con efectivos que se desprazaron de lugares moi lonxanos e outros que estaban máis preto e aos que non deixaban intervir
A este respecto, Feijóo apuntou, preguntado por GC na rolda de prensa posterior ao Consello, que a Xunta está a analizar e vendo as chamadas, os contactos e os rexistros dese día nos servizos de emerxencias e indicou que "quen mobiliza aos bombeiros de Galicia son os bombeiros de Galicia". "Hai bombeiros que estiveron a extinguir o lume con miles de litros de amoníaco e sen saber como ía evolucionar o lume e pondo en risco a súa vida", afirmou Núñez Feijóo, que indicou que "os bombeiros do 112 teñen a súa versión e é bo escoitalos".
Ademais, agradeceu a profesionalidade dos efectivos que participaron na extinción e tamén o "ofrecemento" dos bombeiros de Vigo, e insistiu en que conseguiron "salvar a metade da fábrica" e en que unha parte da actividade poida comezar "en poucos días".
Rueda non descarta cambios
Por outra banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que no incendio de Fandicosta os servizos de emerxencias actuaron "adecuadamente" e a coordinación do 112 "cumpriu a súa función", aínda que se mostrou aberto a cambiar os protocolos de actuación se así o determinan os técnicos.
Así, a preguntas dos xornalistas sobre as críticas de efectivos de bombeiros acerca de que o operativo neste sinistro foi "un caos" e tivo "graves deficiencias", Rueda recalcou que os responsables do 112 que dirixiron a coordinación "acreditaron repetidamente que os protocolos se cumpriron".
"Todo iso controlouse e coordinouse desde o punto de vista das emerxencias", subliñou. Tamén engadiu que "hai moitas cousas que parece que non se fixeron, pero si se fixeron" e, tras reiterar que os profesionais e o 112 cumpriron "a súa función", mostrouse aberto a que "se hai algunha cousa que mellorar ou corrixir" non haberá "ningún problema", aínda que son "os técnicos os que teñen que dicir se se deben facer ou non" cambios.
En relación a iso, confirmou que se vai a abrir unha investigación para revisar como se desenvolveu o operativo e determinar se os protocolos deben ser reformados. "Cada vez que se produce un suceso destas magnitudes revísase como se actuou por se fixese falta corrixir ou modificar calquera cousa, e aquí farémolo tamén", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.