Feijóo anuncia máis millóns a semanas e meses de dúas eleccións

O presidente galego avanza que o Consello da Xunta deste xoves aprobará outros 27 millóns en axudas. Méndez Romeu, que compite con Fernández Leiceaga para ser o candidato do PSdeG, xa se ve na Presidencia da Xunta en cinco meses.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/05/2016 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, segue cos seus anuncios de novas inversións a cinco semanas dunhas eleccións xerais e cinco meses dunhas autonómicas. Así, dixo que o Goberno galego acordará na súa reunión deste xoves "poñer disposición" do tecido industrial, produtivo e innovador da comunidade 20 millóns para financiamento e avais que mobilizarán 100 millóns de investimento. Aos concellos sen máis industria que a agraria, con menos de 10.000 habitantes, destinará 7 millóns para contratar 700 persoas.

Alfonso Rueda, Puy Fraga e Núñez Feijóo no Parlamento
Alfonso Rueda, Puy Fraga e Núñez Feijóo no Parlamento | Fonte: ppdegalicia.com

Feijóo fixo este anuncio durante a sesión de control do Goberno na Cámara galega e que enmarcou no "superávit de responsabilidade" que liga co control do déficit e que se traduciu en recursos extra para a comunidade. Foi durante o seu cara a cara co voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, no que as primarias para elixir candidato á Xunta por parte dos socialistas tiveron o seu protagonismo.

De feito, Méndez Romeu, que se enfronta a Xaquín Fernández Leiceaga nun proceso de Primarias, xa se ve como presidente da Xunta en outubro ao tempo que cargou contra as políticas e a xestión de Feijóo, que se comprometeu a cambiar. "Dentro de cinco meses estarei sentado na Presidencia", proclamou.

Entre as risas das bancadas populares e do propio Feijóo, Méndez Romeu apuntou que ao líder do PP galego éntralle "a risa frouxa da inseguridade". Pola súa banda, Feijóo, tras ironizar coa "espléndida" intervención do parlamentario socialista, constatou que o PSdeG se atopa inmerso "nunha carreira de autodestrución", segundo recolle Europa Press.

"¡Con 17 concelleiros no Concello de Vigo! ¿E o PP?", clamou o tamén socialista Abel Losada, dende o seu escano, mentres o presidente popular volveu lamentar a situación do PSdeG, tras asegurar que "nada lle gustaría máis" que un Partido Socialista "homologable coa socialdemocracia europea".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta