Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/06/2016 | Actualizada ás 09:00
Xoaquín Ferández Leiceaga ten xa o seu primeiro gran problema, tres días despois de saír vencedor no proceso de primarias; a elección do novo voceiro parlamentario. Por iso, a xestora socialistas convocou para este mércores aos integrantes do grupo parlamentario co fin de abordar a substitución de José Luis Méndez Romeu.
O escollo é grande para Leiceaga porque os oito integrantes da permanente do grupo, afíns a Méndez, xa dixeron que non queren ocupar ese posto. Neste escenario, as deputadas con máis posibilidades son a lucense Concepción Burgo ou a pontevedresa Patricia Vilán, que son as únicas con algo de experiencia para relevar a Méndez.
Non obstante, non se descarta que algún dos outros tres deputados que se aliñaron co noiés poidan facerse co cargo. Trátase do coruñés Emilio Vázquez e da ourensana Noela Blanco, se ben os dous levan apenas un ano no seu escano, ao que accederon tras as renuncias do exministro Francisco Caamaño e do exsecretario xeral Pachi Vázquez. Con todo, estes catro deputados afíns a Leiceaga teñen pouco peso no grupo parlamentario e tamén pouca experiencia para enfrontarse nun cara a cara con Feijóo.
Carmen Gallego e Abel Losada, descartados
Tamén se barallaron nomes do ámbito de Méndez, como o do exalcalde compostelano Xosé Sánchez Bugallo --quen xa tería trasladado aos seus próximos que non aceptará un ofrecemento neste sentido-- ou o silledense Pablo García, aínda que con menos opcións. Polo momento, para o posto descartáronse tanto a actual vicevoceira, Carmen Gallego, como a persoa que precedeu ao coruñés á fronte do grupo, o vigués Abel Losada.
Sexa quen sexa o elixido, a semana que vén deberá afrontar un cara a cara co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun dos poucos plenos que restan ata o final da lexislatura.
Estatutariamente, no PSdeG a designación do voceiro parlamentario corresponde á dirección do partido, que exerce unha xestora tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro. Non obstante, a vontade deste órgano, como sinalaron a Europa Press fontes próximas, pasa por consultar a súa proposta co propio grupo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.