Canedo: "O que é bo para España é bo para Galicia”

"De que vale que a Sanidade estea transferida se non funciona ben?” pregúntase José Canedo cando se lle pregunta sobre o modelo de Estado de Ciudadanos. O cabeza de cartel pola Coruña argumenta nesta entrevista que nin lingua nin territorio teñen dereitos. Reganosa, a desaparición das deputacións, a fusión dos concellos e a súa polémica elección como candidato por parte do aparato estatal son outros dos temas desta conversa.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 21/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Nas pasadas eleccións un candidato de Ciudadanos dixo que non tiñan propostas particulares e concretas para Galicia. Houbo moita polémica con isto. Téñenas agora?

José Canedo de Ciudadanos na carpa electoral en Santiago
José Canedo de Ciudadanos na carpa electoral en Santiago | Fonte: EP

Hai propostas concretas, estamos propoñendo cousas que imos facer. A polémica aquela xa se viu que estaba sacada de contexto. El referíase, como o fixo Albert Rivera nalgunha ocasión, a infraestruturas, a proxectos de investimento, en tren de longo recorrido, como é o AVE; que había que priorizar nos problemas de agora e non en máis infraestruturas.

Daquela acabar o AVE a Galicia ...

Eu xa o dixen nesta campaña. Si ou si, hai que acabalo canto antes. O custe que está a ter de mantemento é desorbitado. Por riba, tendo en conta que creo que quedan tres túneles para rematar. A ninguén lle entra na cabeza que unha infraestrutura así a que lle quedan poucos quilómetros non se teña que rematar. É prioritario para Galicia e hai que facelo xa. O problema ven doutros gobernos anteriores, pero esa infraestrutura é necesaria para Galicia e hai que rematala xa.

E que facemos coa outra gran obra do Estado en Galicia, o porto exterior de Punta Langosteira na Coruña?

José Canedo, cando foi candidato de UPyD en Galicia
José Canedo, cando foi candidato de UPyD en Galicia

Pola información que temos é moi deficitario. Neste tema temos que pensar na xente de Mugardos e facer unha análise profunda do asunto de Reganosa. Tratar de combinar o traslado de Reganosa ao porto exterior para darlle utilidade. Unha vez que as infraestruturas están feitas, hai que sacarlle a maior utilidade. Haberá que facer estudos profundos e ver que está a pasar.

Daquela Reganosa non está ben en Mugardos, na Ría de Ferrol?

Home, normalmente a ese tipo de infraestruturas que teñen ese risco potencial hai que buscarlle un lugar axeitado. E se temos unha infraestrutura como é o Porto Exterior que se está infrautilizando, haberá que darlle uso. A min preocúpame outra cuestión importante , dende o Prestige non se fixo nada. Haberá que buscar o xeito de buscar un porto de refuxio para que non pase outra desgracia. Parece que nos esquecemos. É unha decisión dura, pero haberá que decidir que haxa un porto ao que poda ir un barco en risco. Non se fixo nada, pode vir outra catástrofe e collernos outra vez ...

Fala do Prestige. O BNG leva moitos anos reclamando a transferencia de Salvamento Marítimo á autonomía. Cal é a postura de Ciudadanos Galicia sobre esta descentralización e en xeral sobre a descentralización de competencias?

Estamos nunhas xerais e eu busco solucións, independentemente de quen teña as competencias. Se nos dan as competencias e despois non as levamos á práctica ... Mire, de que vale que a Sanidade estea transferida se non funciona ben? A xente quere solucións, iso é o que vale, o que nos din na rúa. O que é bo para España é bo para Galicia. Agora ben, hai cousas aquí que cómpre solucionar. O que quere a xente é que se soluciones o seu.

Ciudadanos sufriu a dimisión de varios cargos locais na provincia da Coruña despois de que o aparato retirase da cabeza da candidatura ao anterior número 1, situando a vostede nese liderado. Até que punto esas dimisións e a conseguinte polémica lastran as súas posibilidades de repetir o éxito e lograr un representante pola Coruña?

Os partidos políticos son organizacións que, como todas, teñen órganos de dirección. Como organización política hai uns cargos de dirección que son elixidos pola maior cantidade de afiliados. Eses órganos están para tomar decisións no intre que toque. Decidiron que había que cambiar os candidatos nalgunhas provincias e o que máis chamou a atención foi o da Coruña porque era deputado. Foi unha decisión de partido, que hai que acatar. Eu creo que non vai afectar para nada nas eleccións xerais. Ademais, foi unha decisión tomada porque tampouco había tempo para unhas primarias, pero nós seguimos a dicir que os candidatos elíxense mediante primarias. Que estea eu ao fronte ou outra persoa dá igual. Eu son persoa de partido. Fun dos primeiros en Galicia e nunca pedín cargo de nada.

E as dimisións de compañeiros?

Díxeno moitas veces nesta campaña. A porta de Ciudadanos está aberta para entrar e saír, ao mellor houbo algunha persoa que viña con algunha aspiración e non a logrou, pero a porta segue aberta tanto para saír como para entrar.

Vostede foi candidato a Xunta por UPyD, que diferencias ideolóxicas percibe vostedes entre UPyD e Ciudadanos?

Non percibo moitas, de feito eu estiven naquel partido e fixen tamén o meu traballo, pero tamén cabe resaltar que cando Canedo marchou daquel partido, marchou para casa e UPyD estaba arriba de todo. Daquela Ciudadanos a nivel nacional non existía. Non é o mesmo que dicir que saín dun sitio para ter un carguiño noutro, que é algo moi estendido ...

Eu non dixen tal. Dixen que ocupan un espazo electoral moi similar ...

Si.

Pero tamén deben ter algunha diferencia, porque tentaron fusionarse e non se fusionaron.

O ideario é moi parecido, con algunha diferencia. Para min o importante é que hai outras persoas. E non marchei de UPyD polo proxecto do partido, marchei porque tiven diferencias con algunhas, poucas, persoas. Agora estou nun proxecto ilusiónante que ven a construír país, queremos rematar co pasado e tampouco queremos asumir esta historia da extrema radical esquerda que nos ven vendendo fume. Nos somos un partido nacional e vimos a construír.

Cal é a postura de Ciudadanos coa normalización lingüística? Porque a de UPyD era moi crítica ...

Non me acordo ben da data da Lei, pero eu estou porque se cumpra aquela Lei que sacara o PP, creo que de 2013...

O decreto do plurilingüismo?

O decreto estaba bastante consensuado e debe aplicarse. Nós defendemos o bilingüismo porque é a identidade da nosa comunidade e a nosa singularidade como galegos. O bilinguismo enriquece, non divide nin racha. É algo que temos dentro e que non se pode cambiar. E ademais promovemos unha educación de calidade na que ten que estar o inglés. Por exemplo, o meu fillo tivo que marchar a traballar a Madrid e, dígolle a verdade, se non soubese inglés, non tería logrado un traballo, o primeiro que lle fixeron foi unha entrevista en inglés. Como se lle pode dicir a un galego que non fale galego? Ou a un galego que non fale castelán? Mire, temos que camiñar na idea de que as linguas maternas son iguais e temos que seguir facendo para que sigan sendo iguais. Tamén temos claro que non podemos facer do tema da lingua unha arma política, ao igual que Educación. Nós queremos un pacto para que sexa igual en toda España e que sexa de longa duración.

Di que o seu fillo tivo que emigrar para traballar ...

Os dous. Os dous tiveron que marchar. A miña filla ten 28 e eu meu fillo 31.

Caso común na xeración do seu fillos, na súa e na anterior ...

Os meus pais estiveron emigrados en Alemaña e Suíza. Eu cando falo de política, falo da real, da que vivo na rúa. A emigración é unha desgracia para o país.

Que hai que facer para acabar con este lastre?

Cambiar o sistema educativo. Os nosos fillos teñen que ser competitivos. Nós como partido a nivel nacional e galego imos facer todo o posíbel para ter a mellor educación, cousa que eu non puiden ter, tiven que traballar dende os 14 anos cos meus pais emigrados. A emigración hai que tratar de evitala o máximo. Se algún rapaz ten que ir traballar fóra, que sexa por mellorar na vida e non por necesidade.

Veu o debate electoral a catro? Quedoulle claro con quen van pactar Ciudadanos despois das eleccións?

Eu tamén tiven un debate cos candidatos da Coruña e fixen esta pregunta: “Acatan vostedes o artigo 1 e 2 da Constitución?” O PP e o PSOE dixeron que si. En Marea e o BNG, nin digo nin deixo de dicir. Ou vimos a construír ou a destruír. O territorio, a lingua, a bandeira non teñen dereitos. O dereito é da xente e a xente quere vivir mellor. Estamos abertos a pactos con partidos que se sumen ao proxecto nacional e non de rompelo.

Pero vostedes din que son nova política ...

Hai complicacións, na mini-lexislatura non poidemos pactar co PP porque non apareceu. Nesta lexislatura hai que vir con mentalidade de construír, non podemos meter ao país noutras eleccións. Nós seguramente teñamos que ceder nalgunhas cousas e todos tamén. A política de antes non ten razón de exister. Nas administracións galegas hai que recortar, porque cartos non os hai. Temos 600 millóns ao ano nas deputacións ...

Aposta por eliminar as deputacións logo?

Non hai outra. A deputacións e todas as redes clientarales que veñen asociadas despois. E dentro das deputacións, todas as empresas públicas que veñen asociadas. Non falo de que os empregados vaian a rúa, pero terán que ir a rúa os políticos doutra época que xa non deben estar alí. Seis de cada dez euros que entran nas deputacións non reberten en nada nos concellos. Todos sabemos que cando o presidente da Deputación é do PP e o alcalde dun concello e do PSOE, non recibe un peso. Esto é a política rancia. Para meter cartos nun lado hai que sacalos doutro. Hai que adelgazar a administración. Temos que ir a fusión dos concellos si ou si. Ten que desaparecer o nome do Concello? Pois non. O que ten que desaparecer é o 80% dos alcaldes, os políticos que están neses sitios; afectan aos veciños que o seu concello estea xunto con outro? Non. Hai que facelo con sentido, e falando coa xente, sen rachar nada.

Perdoe que insista. Fai referencia a redes clienterales, todos sabemos que esas redes foron montadas precisamente con eses partidos cos que están abertos a pactar ...

Xa o fixemos, en Madrid e Andalucía. En Andalucía, logramos que Chaves e Griñán, que eran dous problemas gordos, deixaran o partido e marchara casa.Vou máis alá, Ciudadanos ten imputados? Non. Vainos ter? Seguro, porque temos máis de 1.000 concelleiros e moitos deputados autonómicos. No intre en que apareza ten que ir para casa, non queda outra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

1 Montesío

Parabéns Manuel Vilas, outra boa entrevista que destapa a estes individuos. Por certo, hai un erro tipógrafico *reberter.