Temas: VICENTE RISCO

Vicente Risco, imaxe e impacto

O senso da imaxe leva a Vicente Risco a concibir as aparicións públicas cos mesmos parámetros que os retratos fotográficos. Grazas as cartas, imaxes impresas e descricións detalladas da prensa, é latente de que o xeito de Risco ao entrar, estar ou saír dun sitio está mais próximo a performance que de facer acto de presenza.

Por Iria-Frine Rivera Vázquez | A Coruña | 05/07/2016 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Anton ja comprometeuse a dar uma conferencia. Eu quixer que tu deras uma “tua” que promovese un escándalo. O Risco creio que dará outra. Vou a expor “coias avanzadas”. Carta de Álvaro Cebreiro a Manuel Antonio. 21 de Marzal de 1922.

Fotografía de estudio de Vicente Risco, realizada por Augusto Pacheco en 1919 (Fundación Vicente Risco). No mesmo ano Castelao realiza unha das súas primeiras caricaturas de Vicente Risco, sendo empregada para acompañar o artigo de Risco “El galleguismo y el problema de la emigración en Galicia
Fotografía de estudio de Vicente Risco, realizada por Augusto Pacheco en 1919 (Fundación Vicente Risco). No mesmo ano Castelao realiza unha das súas primeiras caricaturas de Vicente Risco, sendo empregada para acompañar o artigo de Risco “El galleguismo y el problema de la emigración en Galicia | Fonte: Iria-Friné Rivera

Vicente Risco e a súa contribución no ámbito da Arte, que se estende a pintores, debuxantes ou fotógrafos, aporta unha forza única que impulsa unha cultura visual. Pero nela el mesmo personifica e xera unha estética por medio de diferentes referentes e roles. 

O concepto da imaxe de Risco está estreitamente unido a súa firme convicción sobre o propósito da Arte; o seu pensamento descansa na idea de que a Arte é un medio de liberación para as persoas. A Arte nutre o espírito nos momentos de temor ou incerteza, de igual xeito que protexe da asfixia e limitación dun ambiente ou acompaña no fluír de ideas, reconectando coa vida espontánea da mente. Risco contempla a obra de Arte coma unha enerxía creadora, na que os conceptos que brotan ao explorar a mente ou a realidade das emocións fora do convencional son tan lexítimos coma a razón e o obxectivo. A Arte é inspiración, motor i estímulo, a vivencia dunha experiencia que leve a esa liberación. E por este motivo o elemento do impacto, o shock, é imprescindible na provocación da experiencia. Os individuos, o público, os espectadores, lectores ou unha audiencia son “elementos vivos” na acción/reacción, e a súa resposta resulta tan imprescindible coma a mensaxe que quérese trasladar.    

Para un home tan consciente das posibilidades da imaxe, non é de estrañar que comprenda a forza estética e interpretativa da fotografía e o cinema. Os retratos fotográficos de Risco son un espello das súas ideas. A súa habilidade para transformarse a súa vontade dan lugar a fotografías extraordinarias nas que opérase un cambio nas que aparece unha integración virtual da mystique e o sublime. Incluso as súas imaxes coma mestre da Escola Normal de Ourense presentan esta sensibilidade artística. 

A famosa fotografía tomada en 1919 por Augusto Pacheco é un dos seus retratos mais importantes. Empregouse en numerosas ocasións, aparecendo dende na cuberta de O caso que ll´aconteceu ô Dr. Alveiros (1919) ata nos artigos de Risco en A Nosa Terra durante os anos 20. Moitas das súas fotografías esténdense entre os seus compañeiros políticos. Outra fotografía coñecida é un retrato tomado por Ksado en 1930, un primeiro plano do rostro de Risco. Trátase dunha fotografía aparentemente sinxela pero moi estudada, cunha nitidez fuxidía. Nela aparece unha expresión asertiva, de confianza. Valentín Paz Andrade gardaría unha copia de esta fotografía, poñéndoa na súa biblioteca xunto as fotos de, entre outros, Blanco Amor. A fotografía orixinal de Ksado está localizada no Museo Provincial de Pontevedra.

Parágrafo de “Preludio a toda estética futura” (inédito). 1917-1918. Fundación Vicente Risco. No “Preludio”, publicado en “La Centuria”, están presentes moitos conceptos i enfoques que Risco integra nos seus artigos sobre Arte ata 1963
Parágrafo de “Preludio a toda estética futura” (inédito). 1917-1918. Fundación Vicente Risco. No “Preludio”, publicado en “La Centuria”, están presentes moitos conceptos i enfoques que Risco integra nos seus artigos sobre Arte ata 1963 | Fonte: Iria-Friné Rivera

Risco é un defensor de que a Arte permite cambiar as mentalidades ao mostrar o aspecto mais visible de ideas libres xeradas polo razoamento do artista. Por iso moitas das súas imaxes resultan manifestos expresados a través dunha poderosa linguaxe visual. Nalgunhas das súas fotografías a súa está metamorfoseada. Risco aparece coa súa figura estendida no espazo mediante sombras, empregándose intensos xogos de luces que compoñen planos bidimensionais. As veces escribía significativas adicatorias nas mesmas, aumentando a significación das imaxes.  

Pero estas ideas non se limitan as fotografías. O senso da imaxe leva a Vicente Risco a concibir as aparicións públicas cos mesmos parámetros que os retratos fotográficos. Grazas as cartas, imaxes impresas e descricións detalladas da prensa, é latente de que o xeito de Risco ao entrar, estar ou saír dun sitio está mais próximo a performance que de facer acto de presenza. Pero a performance que Risco leva a cabo non é un simple espectáculo egocéntrico, vaidoso e baleiro. Risco posúe presenza, estilo e senso escénico, compoñendo na súa persoa unha superposición de personalidades. Sabe que pódese dar unha potente mensaxe a diferentes niveis a partir dun xesto ou unha composición visual. O seu estar en mitins, ou as referencias a Oscar Wilde a través dos seus traxes teñen un motivo deliberado e subversivo: identificarse ca pescuda da liberación dun pasado estético e dos códigos representativos da autoridade e conformidade burguesa. Unha idea moi influída por Oscar Wilde e os poetas simbolistas, malditos e decandentistas franceses, e que está presente nos seus artigos de “El Miño”, en concreto en El enemigo (3 de Abril de 1910) i El gran escándalo (24 de Febreiro de 1911).

Estas encarnacións non implican a ocultación da súa personalidade. Son o marco nas que Risco móvese e na que o estilo ten unha importancia fundamental. Wilde é o que primeiro abre os seus ollos na exploración dunha estética individual, converténdose así nun connoisseur da moda e no culto a beleza. 

Risco é un experto na arquitectura, corte, técnica do traxe así coma a unión de tecido, adorno e sinxeleza do deseño. Fose un complemento ou prenda, as creacións que leva Risco son o resultado dunha intensa colaboración entre el e os seus xastres. As veces os propios xastres desaproban os trocos que Risco introduce, inspirados na súa imaxinación ou memoria. Mais o acabado do seu estilo reforza a estética da performance. Risco realizaría unha das súas aparicións mais brillantes cando asiste a entrada de Ramón Otero Pedrayo na Real Academia Galega en Decembro de 1929 na Coruña. Debía estar alí para dar resposta ao discurso de Otero, quen quedou tan asombrado con Risco que sinaloulle na súa carta a Filgueira Valverde: “O Risco estaba impresionante de colo de pajarita e botines de pel de ante do Canada”. Estas ideas, lonxe de ser unha etapa, estendéronse nos anos. A derradeira destas aparicións tería lugar coa súa disertación Galicia y la revolución estética, na exposición “20 pintores gallegos” en 1961 organizada por O Galo. 

A todas estas expresións artísticas únenselle a representación de Risco a través da caricatura. O significado do termo “caricatura” na teoría da arte de Risco, non ten relación algunha ca representación de faccións esaxeradas co fin de transmitir unha mensaxe satírica; tal coma Risco explicou na súa conferencia de Arte Nova (1920), a caricatura é un retrato que pertence o terceiro grado de contemplación artística, o simbolismo. O enfoque de Risco é que, en troques do impersoal clasicismo da arte académica, na caricatura a través da síntese física transmítese o calidoscopio do carácter humano. Isto inclúe igualmente a súa capacidade figurativa de falar dunha situación en base ao humor, referíndose a ela de maneira directa e sutil ao mesmo tempo, invertendo os puntos de vista -sociais, psicolóxicos, políticos, estéticos- dominantes e empregando o dobre sentido. Esta capacidade representativa da caricatura  é o que fai dela unha arte intelectual. Coma Risco dixo, “o humorismo é a cousa mais seria que hai no mundo”. 

Risco sitúa a caricatura no ámbito da arte ideoplástica, entroncándoa con estilos coma o Romanticismo (polo alcance do momento psicolóxico), o Postimpresionismo (debido a desmaterialización da persoa ou obxecto), Arte Africana (na composición en liñas xeométricas) e o Vibracionaismo (pola súa emisión de vitalidade). A caricatura está definida temática e formalmente polo que el chama a “simplificación expresiva”: a maior abstracción, maior captación da esencia da persoa. Estas ideas fixérono apoiar e posar para artistas coma Cebreiro, Prieto Nespereira, Fernández Mazas, Huici, Lamas e, naturalmente, Castelao, que realizaron numerosos retratos -caricaturas- de Vicente Risco. Estes mesmos motivos tamén lévano a empregar na prensa as caricaturas feitas por estes artistas para acompañar os seus artigos. Pese o diferentes que poden resultar todas estas facetas, todas elas combinadas mostran a Risco coma unha forza creativa en si mesmo, constituíndo unha estética por dereito propio. 

Vicente Risco
Vicente Risco
Temas: VICENTE RISCO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Julia López Regueiro

Unha vez máis é un pracer ler un artigo de Iria, sempre me sorprende.Neste caso descubrir a Risco dende unha estética exclusiva , grazas Iria