Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/07/2016 | Actualizada ás 13:00
Francisco Rodríguez, un dos dirixentes históricos da UPG, é, agora, articulista de La Voz de Galicia, un xornal ao que durante anos demonizou e criticou duramente por ser “españolista” e soporte das políticas da dereita galega. Pero non só el, tamén outra das históricas da UPG e do BNG, Pilar García Negro, tamén escribiu outro artigo de opinión no mesmo xornal. Os dous con tres días de diferencia.
Que pasa para que o xornal de Santiago Rey lle dea, agora, tanta relevancia ao BNG, xustamente agora que se atopa nun dos seus peores momentos históricos?. O certo é que este idilio comezou xa hai algún tempo, con varios artigos laudatorios de Xosé Carlos Caneiro no que destacaba a importancia do Bloque para a política galega e da súa nova líder, Ana Pontón.
“La Voz parece agora o Terra e Tempo –órgano de difusión da UPG--”, apuntaba a este medio un histórico dirixente nacionalista. E é que nos últimos tempos, a relación entre o Bloque e La Voz é moi estreita. Unha relación que, curiosamente, se cimentou mentres as mareas obtiñan éxitos electorais e o BNG colleitaba retrocesos.
“O certo é que esa política non lle axuda en absoluto ao Bloque. Tentar mimar ao BNG e atacar ás mareas para xerar división non lles funciona. Os votantes tradicionais do nacionalismo son anti-Voz, sempre o foron, e este vínculo non axuda a que sexan percibidos como unha alternativa”, asegura outro histórico do nacionalismo galego.
De feito, nos dous artigos publicados tanto por Pilar García Negro como por Francisco Rodríguez, incídese nesa posición; o inimigo xa non é a dereita, como sempre foi, senón as mareas, Podemos e Anova.
En “O nacionalismo galego existe... e persiste”, Pilar García Negro, suliña que “o debate sobre o nacionalismo galego e, en concreto, sobre o BNG, está cheo, no meu xuízo, de atentados contra a lóxica. Adiantando a conclusión, direi que se decreta que o nacionalismo galego xa non é alí onde existe -o BNG- e, asemade, afírmase que existe onde, desde o comezo, xa se renunciou a el, por alianza-subordinación a forzas políticas españolas de obediencia estatal. A curto prazo, familiarizar a povoación con esta fabricación intereseira cumpre unha dupla función: contribuír a desgastar o BNG e sobredimensionar o pretenso ingrediente «nacionalista» de Podemos-IU-Mareas para neutralizar o nacionalismo onde realmente existe -BNG- e, ao tempo, rebaixar as expectativas eleitorais da coaligación, que xa cumpriu a súa función: lañar o espazo do nacionalismo basco, do catalán e do galego, por suposto, con características e consecuencias moi diferentes.
Pola súa banda, Francisco Rodríguez, conclúe no seu artigo “Necesita Galiza o nacionalismo?, “o que non se pode esperar é que a nosa redención sexa incentivada polos que, como moito, consideran que somos un apéndice da política española, e que nunca debemos deixar de selo. Negar esta vía como real non significa indisposición a estabelecer acordos tácticos con forzas políticas estatais en función de obxectivos compartidos, xa para gobernar, xa para reivindicar, pero desde a capacidade de enuncialos e decidir desde a nosa perspectiva, a dun pobo que existe e a dunha realidade diferente? Existe un sector convencido, por motivos de fondo e por constatación do que acontece, de a Galiza, o pobo galego, teren a súa única esperanza real, xustamente na vía que, nestes momentos, se resiste a probar, a dela propia? O nacionalismo, como o país, está nunha situación crítica e delicada. Porén, coido que hai capacidade para enfrontala e vontade para superala. É unha necesidade do pobo galego”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.