Por Galicia Confidencial | Composela | 07/07/2016 | Actualizada ás 14:35
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desfíxose este xoves en abafos a quen foi durante varias lexislaturas presidente do Goberno español, Felipe González. “Hai que facerlle caso as súas opinións”, dixo tras apostar o ex presidente socialista por unha negociación do PSOE co PP para facilitar a investidura de Mariano Rajoy,
“González foi un dos mellores presidentes e gañou 4 veces as eleccións. Tivo as maiores cotas de escanos e votos acadadas nunca polo PSOE e outros obtiveron os peores resultados da historia deste partido”, dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta en clara alusión a Pedro Sánchez, actual dirixente deste partido.
Feijóo eloxiou a postura de González e dixo que no PP “interesa moito” o que di. “Espero tamén que lle interese a outros dirixentes do seu partido”, ironizou ante a negativa da actual dirección socialista a votar a favor da investidura de Rajoy. “Con unha persoa como González dirixindo este partido, moi ben lle ía ir ao PSOE”, dixo.
“SUCESIÓN” NO PSOE
Por outra banda, o presidente galego tamén ironizou coas declaracións do presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Paje, que dixo esta semana que vía a Feijóo como o substituto de Rajoy, mesmo nesta lexislatura no Congreso. “Agradézolle a valoración da miña persoa, pero se hai unha sucesión prevista esa é no seu partido”, contestou.
Neste sentido, suliñou que “onde hai un dirixente dun partido que quere ser substituído por un presidente autonómico” é no PSOE e non no PP, en clara alusión á líder do PSOE en Andalucía, Susana Díaz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.