Carlos Casares xa ten o seu Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega dedicaralle esta celebración en 2017 por tratarse dunha das "figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX".

Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/07/2016 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Dende que finou, o 9 de marzo de 2002, o nome de Carlos Casares Mouriño non deixou de soar como candidato a ser homenaxeado no Día das Letras Galegas. Hoxe, o escritor ourensán por fin recibiu ese recoñocemento que se agardaba e que se sabía que algún ano chegaría. A Real Academia Galega (RAG) decidiu este sábado dedicarlle o Día das Letras Galegas 2017 a este home que estivo estreitamente vencellado ao galeguismo, fundamentalmente a través da Editorial Galaxia.

Carlos Casares
Carlos Casares | Fonte: RAG.

As candidaturas presentadas, de conformidade co Regulamento de Réxime Interno da institución, foron as de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).

A Real Academia Galega considera que "a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado" da obra de Casares, que "incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, fan del "un escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017". A institución académica tamén subliña que "con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria".

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares Mouriño é "unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX", xustifica a RAG, que salienta a súa labor "prosista en distintos xéneros, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual" e que "constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica".

"Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega", prosegue a RAG no seu comunicado oficial.

Carlos Casares coa súa dona Kristina Berg
Carlos Casares coa súa dona Kristina Berg | Fonte: fundacioncarloscasares.org

A decsión foi tomada polo Plenario da Real Academia Galega, reunido esta mañá en sesión ordinaria. Na mesma sesión nomeouse académica numeraria electa a María Pilar Jiménez Aleixandre (Marilar Aleixandre) e oficializáronse as propostas de María Xesús Pato Díaz (Chus Pato) para ocupar a vacante de número producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro e a de Clodio González Pérez como académico correspondente.

VIDA E OBRA

Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e desde os 3 anos pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a se manifestar xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista mentres continuaba a cultivar o seu perfil literario. En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos 'Vento ferido', dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego: en 1968 gañou co relato 'A galiña azul' o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'.

En 1975, 'Xoguetes para un tempo prohibido' reportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Casares era xa a esa altura unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da nosa narrativa, recoñecida en 1978 co seu ingreso na Real Academia Galega, onde foi o membro de número máis novo.

Nos anos da transición e do comezo da democracia, participou activamente na reivindicación autonómica e como parlamentario independente nas listas do PSdeG-PSOE traballou arreo para sacar adiante a Lei de Normalización Lingüística (1983). Rematada a primeira lexislatura da autonomía, centrou o seu traballo no eido cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).

Malia os seus múltiples compromisos, Casares non abandonou nunca a escrita e seguiu a publicar obras con moi boa acollida do público, como a colección de relatos 'Os escuros soños de Clío' (1979), as novelas 'Ilustrísima', Premio da Crítica Galega de 1982; 'Os mortos daquel verán' (1987), Premio Antón Losada Diéguez; e 'Deus sentado nun sillón azul' (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998; ou 'O sol de verán', publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

Cómpre así mesmo salientar o seu labor como articulista en distintas cabeceiras, que chegou a contar cun amplísimo e fiel público e merecente dunha morea de distincións, entre eles os premios Fernández Latorre (1993) e Julio Camba (1995), e xa a título póstumo o Roberto Blanco Torres (2002).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

4 Antinostrus

Seguro que Alfredo Conde e Xose Carlos Caneiro CHEO morren coa envexa...mais antes teñen de morreren eles, según o protocolo....

3 Hiram

Só falta o lusista de garda para completar a Hora de Autoodio á que calquera galego ten dereito polo menos unha vez á semana.

1 Antinostrus

Vai-che Boa!!!....o Lusista de Guarda seguro que é un Ensinante Mangamte e Diletante que a esta altura esta de vacacións nas AÇores mentres o resto dos MRotais Non Muface dobramos o espiñazo....

2 Sesese

A literatura galega esta en auxe sobre todo a LIX. Moitas e moitos escritores de nova xeracion están a darlle novos pulos a escrita galega , quizais menos politizada e mais intelectual

1 Bufffff

Outro florón literario de medio pelo para a posta en escea da corrección política coa que algúns viven como ricos, sen selo, gracias as subvencións que expolian ao pobo. Onde está Casares no panorama literario internacional "hoy por hoy"? Quen, fora das imposición de lectura dos profesores de galego, merca un libro de Casares? Dáselle bombo por intereses económicos e persoalísimos ao que de xeito obxectivo é dun valor deleznable... Y lo sabes.

1 Mingos

Eu merco un libro de Carlos Casares. Moita máis xente ca min, non só en Galicia, tamén en Salamanca, na Alemaña, nos Estados Unidos... merca libros de Carlos Casares. Casares está no panorama internacional literario, sendo unha recoñecida figura no PEN Clube ou no Literarisches Kolloquium. Ademáis, a súa aportación non só é na súa obra senón tamén na súa labor de tradución literaria. Esto estacho a dicir alguén que non comparte o ideario político de Casares pero sí que recoñece a calidade da súa obra. Así que, amigo ignorante (non é un insulto, senón un calificativo que indica descoñecemento), lee un pouquiño máis e abre a túa cachola ao mundo, que non só se circunscribe á túa casa e arredores.

2 Undocomún

Escrebe ti algo e publícao... mentres tanto, vai ranhala!!

3 Bufffff

Moi agradecido, é evidente que tes razón i eu con tan poderosos argumentos, doucha. Ti vas por Salamanca, USA ou Alemania e calquera persoa culta coñece a biobibliografía de Carlos Casares, dunha importancia parangonable a un Cela, Valle, Torrente Ballester, Cervantes ou Shakespeare. De feito está tan traducida como as producción dos anteriores.

4 teutonio

Están como tolos aquí en Bruxelas a falar de Alas Clarín, Ballester ou Fernández de Moratín, non se fala de outra cousa...