Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/08/2016 | Actualizada ás 10:00
O DOG do 5 de agosto publicaba un anuncio polo que se lle dá publicidade á apertura do prazo para solicitar a retribución de carácter extraordinario prevista na Lei 7/2016 e o importe pendente de percibir establecido na disposición adicional décimo cuarta da Lei 12/2015.
Deste xeito, ábrese o prazo para solicitar a devolución do último cuarto da paga extra secuestrada en 2012 e máis da devolución da parte devengada do complemento específico da paga extra de 2013 que os sindicatos gañaron nos xulgados. Para as persoas que estean en servizo activo se lle abonará de oficio coa nómina do mes de setembro e agosto respectivamente.
Segundo explican dende a CIG, o pago das extras realizarase durante o mes de agosto e a forma escollida será similar ás devolucións efectuadas coa paga de 2012, “debendo os interesados/as que no estean en nómina neste momento facer a reclamación correspondente”.
Para a central, este anuncio e o cambio de calendario na devolución de parte das pagas extraordinarias “roubadas” aos traballadores públicos está feito “con fins electoralistas”. “O señor Feijóo xa ten data para as eleccións autonómicas, e tal e como vén facendo antes de cada proceso electoral o mes anterior á votación dá orde de pago dalgunha cantidade das que adebeda das nóminas do seu persoal”, critican.
Por iso, denuncian o uso “electoralista” que o Goberno do PP segue a facer coas devolucións das pagas extras. Así mesmo, lembran que esta devolución responde á multitude de sentenzas gañadas pola central sindical e ratificadas mesmo polo TSXG, “que declarou ilegal o recorte levado a cabo con carácter retroactivo”.
Sen embargo, fontes da Xunta consultadas suliñan que o pago da parte das extras non ten nada que ver coas eleccións xa que estaba programa desde hai moito tempo e está motivada polas “diversas sentenzas xudiciais” en contra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.