Por Manuel Vilas | Pontevedra | 23/08/2016 | Actualizada ás 08:00
Na rotonda de Curro, o único enlace útil cunha estrada é cara a comarcal que vai de Vilagarcía a Pontevedra. Curro está a unha ducia de quilómetros da AP9 e se queres chegar á nacional, deberás gastar un cuarto de hora por estradas locais mal sinalizadas.
Pelotazo na maior rotonda de Galicia
Quen decidiu facer en Curro semellante a infraestrutura? Foi a Xunta, pagando polos terreos seis veces máis do que correspondía. Esta é a conclusión que acaba de presentar a Fiscalía nun xulgado de Cambados tras anos de investigación. Segundo informa Carlos García en Faro de Vigo, o perito que taxou os terreos e o empresario beneficiado polo pelotazo enfróntanse a unha petición de pena de 5 anos por un presunto delito de prevaricación.
O empresario é familiar de Rafael Louzán, o ex-presidente PP de Pontevedra e hoxe presidente da Federación Galega de Fútbol. Chámase Juan Luís Abal Piñeiro, foi administrador único de Aridos de Curro SL, que tiña unha canteira na zona hoxe ocupada pola macrorotonda e o polígono.
A Xunta pagou polos terreos 1,2 millóns en 2010; malia que inicialmente só os valorara nuns 600.000 euros. Un informe pericial encargado polo fiscal asegura que como moito o Goberno debería ter pagado como moito 345.000, polo que a fiscalía reclama agora que se lle devolva a Administración autonómica máis de 900.000 euros.
Aridos de Curro
O pelotazo do enlace de Curro non é o único lucrativo negocio que o curmán segundo de Louzán fixo con administracións gobernadas polo PP. Áridos de Curro S.L. (Aricur) recibiu entre 2007 e 2013 da Deputación de Pontevedra máis de 502.000 euros en 15 adxudicacións. Varias delas mediante concursos sen publicidade ou a través da prolongación das contratas. As adxudicacións a Aricur foron tan constantes que polo menos dúas veces a Deputación tivo que admitir no seu propio Boletín (BOP) que non lle adxudicaba máis contratos á constructora porque Aricur xa lle alugara todos os seus camións á propia Deputación.
Esgótase a sorte de Louzán tras unha denuncia anónima
Durante lustros as adxudicacións de Louzán a súa familia e a expropiación para a rotonda foron obxecto dos ruxe-ruxes entre os veciños da zona, sobre todo porque a familia Louzán ten o seu berce a cinco minutos en coche, en Ribadumia. Con todo e malia algunha denuncia pública da oposición, ningún asunto xudicial salpicara a Louzán. A súa sorte cambiou o ano pasado cando unha denuncia anónima entrou nos xulgados de Cambados. Relataba varios negocios, entre eles o de Curro e o suposto sobreprezo pagado por un concelleiro do PP por uns locais do matrimonio Louzán.
A Xustiza dividiu a denuncia en varias causas. Pola dos alugeiros Louzán está imputado e foi a que provocou a súa ‘espantada’ da Deputación cada a Federación de Fútbol. Pola do enlace a fiscalía solicita imputar a Juan Luís Abal Piñeiro e ao perito da Xunta, Juan Melón. Segundo informa Elisa Lois en El País, o denunciante explicoulle a fiscalía que había outros políticos implicados, pero o ministerio público tras investigar durante varios anos só sentará no banquillo a Abal Piñeiro e Melón.
Por último, cómpre sinalar que COPASA e Puentes y Calzadas fixeron as obras do enlace. COPASA é a única construtora galega que aparece nos papeis de Bárcenas por presuntamente pagar comisións en negro ao PP. Puentes é a empresa na que traballou Agustín Hernández no tempo que o PP estivo fóra da Xunta. Hernández, hoxe líder do PP en Santiago, era o conselleiro responsábel de obras públicas en 2010, cando a Administración abonou o prezo presuntamente inflando ao familiar do seu compañeiro de partido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.