A débeda pública de Galicia segue aumentando

Este valor aumentou un 5,1% nun ano, até os 10.727 millóns de euros, e faino en dúas décimas en termos relativos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/09/2016 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A débeda pública de Galicia subiu un 0,81% no segundo trimestre do ano con respecto ao primeiro, ata situarse en 10.727 millóns de euros. Non obstante, baixou unha décima o que esta contía representa sobre o total do PIB galego, de modo que quedou no 18,9%. No mesmo período de 2015, a débeda da comunidade era de 10.210 millóns, co que se incrementou un 5,1% nun ano. En termos relativos, entón supoñía un 18,7% do PIB, polo que creceu dúas décimas en variación interanual.

Cartos
Cartos | Fonte: Europa Press.

En canto ás empresas públicas non incluídas no sector das administracións públicas, a débeda é de 26 millóns de euros, catro menos que no primeiro trimestre e oito menos que no segundo trimestre do pasado exercicio. Neste caso, a ratio débeda/PIB ten valor cero, a non alcanzar nin o 0,1 do PIB, onde se situaba hai tres meses.

Desta forma, a débeda de Galicia distribúese entre valores representativos de débeda (por 4.643 millóns, todos eles a longo prazo) e empréstitos, estes últimos por valor de 6.084 millóns: 2.478 millóns de institucións financeiras, 1.163 do resto do mundo, 2.047 do fondo de financiamento a comunidades autónomas e 396 de asociacións público-privadas.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, a débeda do conxunto das administracións públicas bateu marcas no segundo trimestre do ano, ata os 1,106 billóns de euros, 10.543 millóns máis que no primeiro trimestre, e situouse no 100,5% do PIB, segundo os datos do Banco de España.

Os datos da autoridade monetaria poñen de manifesto que o endebedamento público segue crecendo e xa supera con creces o obxectivo para todo o ano, que se sitúa no 99,14% do PIB, de acordo co último Programa de Estabilidade.

A pesar de que se trata do nivel máis alto alcanzado dende 1910 segundo un estudio publicado pola Fundación das Caixas de Aforro (Funcas), o Ministerio de Economía asegura que se cumprirá o obxectivo do ano malia as oscilacións que se poidan producir ao longo do exercicio polo diferente calendario de amortizacións e emisións.

En concreto, a débeda pública do segundo trimestre incrementouse un 0,96% respecto ao primeiro trimestre de 2016, cando se situou en 1,096 billóns (100,6% do PIB), mentres que con respecto ao segundo trimestre de 2015 rexistrou un aumento do 4,6%.

Do total da débeda pública en mans das administracións públicas o 87,1% (964.732 millóns de euros) correspóndese co endebedamento da Administración Central, mentres que as comunidades autónomas supoñen o 24,6% da débeda total (273.199 millóns) e as corporacións locais, o 3,1% (35.107 millóns). Pola súa banda, a Seguridade Social conta co 1,5% de todo o endebedamento (17.174 millóns).

En canto á evolución da débeda no segundo trimestre en cada unha das administracións, tanto o Estado central como as comunidades autónomas e os concellos incrementaron o seu endebedamento respecto ao trimestre anterior, cun aumento do 0,27% no caso do Estado, unha alza do 3% nas rexións, e unha lixeira suba do 0,15% para as corporacións locais.

No caso da Seguridade Social, non rexistrou apenas variación con respecto ao trimestre anterior, xa que unicamente reduciu o seu endebedamento en 14 millóns de euros.

CATALUÑA, VALENCIA E ANDALUCÍA, Á CABEZA

Dentro das comunidades autónomas, Cataluña (74.757 millóns de euros), Comunidade Valenciana (43.164 millóns), Andalucía (32.551 millóns) e Madrid (29.439 millóns) seguen concentrando dous terzos de toda a débeda en mans dos gobernos autonómicos no segundo trimestre. En todos estes casos a débeda creceu respecto ao trimestre anterior.

A continuación, figuran as comunidades de Castilla-La Mancha (13.755 millóns), Castilla e León (10.996 millóns), Galicia (10.727 millóns), País Vasco (10.450 millóns), Islas Baleares (8.612 millóns) e Murcia (8.159 millóns).

Pechan a táboa Aragón (7.440 millóns), Canarias (6.766 millóns), Asturias (4.278 millóns), Extremadura (4.019 millóns), Navarra (3.784 millóns), Cantabria (2.788 millóns) e La Rioja (1.514 millóns).

En porcentaxe do PIB, a Comunidade Valenciana, cun endebedamento que supón xa o 41,7%, segue encabezando ás rexións máis endebedadas en relación á súa riqueza, seguida de Cataluña, co 35,9%, e Castilla-La Mancha, co 35,8%. En cambio, a Comunidade de Madrid (14,2% do PIB), País Vasco (15,6%) e Canarias (15,7%) son as que menor débeda teñen respecto ao PIB.

MENOS DÉBEDA EN MADRID E BARCELONA

En canto aos concellos, entre os que contan con máis de medio millón de habitantes, Madrid, cunha débeda de 4.563 millóns de euros, segue na cabeza das corporacións locais máis endebedada, cifra que contrasta co endebedamento do concello de Barcelona, situado en 717 millóns no primeiro trimestre.

Ambas as dúas corporacións locais reduciron o seu endebedamento respecto ao trimestre anterior, cun descenso do 3,5% no caso de Madrid, e unha caída do 1,3% en Barcelona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta