Por E.P. | VIGO | 16/09/2016 | Actualizada ás 13:57
O centro tecnolóxico vigués Gradiant e a unidade de ciberseguridade de Telefónica, ElevenPaths, asinaron este venres un acordo marco polo que colaborarán na innovación e desenvolvemento de iniciativas e proxectos tecnolóxicos centrados nos campos da seguridade, a privacidade e a ciberseguridade.
A sinatura deste convenio tivo lugar no centro Citexvi, no campus universitario de Vigo, e nela participaron o director xeral de Gradiant, Luis Pérez, e o chairman de ElevenPaths e chief data officer de Telefónica, Chema Alonso, que previamente realizou unha visita ás instalacións e ofreceu unha charla a traballadores.
Este recoñecido experto en ciberseguridade, destacou que con este acordo o que buscan é "explorar" a que esperan que sexa unha relación "a longo prazo" e dirimir en que áreas e que poden desenvolver conxuntamente o centro tecnolóxico galego e ElevenPaths, xa que, no ámbito dixital, as ameazas "son crecentes e cambiantes".
Así as cousas, aínda que descartou desvelar "a día de hoxe" en que áreas concretas van traballar, si recordou que os ámbitos nos que se centran ambas as dúas entidades "son coñecidos", e entre eles mencionou a xestión da identidade e a xestión de datos. "Esperamos que de todas estas áreas de sinerxía xurdan boas colaboracións", dixo.
Pola súa banda, o director xeral de Gradiant valorou esta sinatura como "un paso adiante moi positivo e unha grande oportunidade de facer chegar tecnoloxías innovadoras creadas e outras novas". Ambas as dúas entidades "coinciden en traballar conxuntamente no diagnóstico e na solución de problemas de seguridade dos sistemas de seguridade da información", agregou o centro.
Nesta liña, Pérez puxo en valor a importancia deste acordo nun contexto de "progresiva dixitalización" tanto do ámbito profesional como privado, no que tamén sectores que non teñen que ver co dixital están a experimentar "unha transformación moi grande", e incidiu na necesidade de "protexer eses datos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.