A Mesa e os sindicatos de Extel piden unha onda de chamadas en galego ao 1004 contra o ERE

Representantes dos traballadores e da plataforma a prol da normalización do galego acordan unha serie de accións conxuntas contra os 205 despedimentos nesta subcontrata de Movistar, compañía á que esixen que manteña o servizo en lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/10/2016 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística e da CIG, CXT, UXT e CCOO en Extel acordaron unha serie de accións conxuntas encamiñadas a que "Movistar garanta o total dos empregos na Coruña, imprescindíbeis para garantir a opción da atención en galego", explican. A colaboración chega logo de que a empresa anunciase 205 despedimentos no centro da Coruña.

Reunión entre representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística e das seccións sindicais de Extel
Reunión entre representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística e das seccións sindicais de Extel | Fonte: A Mesa

En concreto, as accións conxuntas acordadas entre as centrais sindicais e A Mesa inclúen chamadas masivas ao 1004 solicitando atención en galego, que se realizarán o vindeiro venres 14 de outubro de 10 a 11 da mañá e de 5 a 6 da tarde, coincidindo coa folga convocada en Extel. Ese mesmo día, na mesma franxa horaria, realizarase unha acción nas redes socias facendo uso dos hashtag #NonAoEreEnExtel #QueremosGalego, etiquetando co HT #1004Responde e @movistar_es.

Ao mesmo tempo, pídenlle a todos os concellos galegos que aproben mocións nas que se lle solicite a Movistar atención en galego e a súa disposición de se mudaren a compañías que si dean esta opción.

A idea é, ademais, continuar nesta liña de traballo conxunto e prolongar estes encontros no tempo.

Á reunión para o acordo acudiron o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a responsábel comarcal da Mesa na Coruña, Xela Armas, por un lado, e representantes das seccións sindicais en Extel da CIG, CXT, UXT e CCOO, polo outro. Neste encontro, os responsábeis da Mesa mostraron a súa solidariedade aos representantes dos traballadores e realizouse unha valoración da situación que sofre o sector dos centros de chamadas pola "deslocalización e os despedimentos", e que "no caso galego se agrava coa case inexistente opción de galego", denuncian.

"Na última década, os centros de atención á clientela na Galiza foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo. Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. En Galiza, esta deslocalización acompañada de despedimentos agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais. Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2.040 postos de traballo, que se manterían en Galiza de existir opción de galego ao ser o persoal de Galiza o mellor cualificado para ofrecelo", critican dende A Mesa.

No caso concreto de Extel, empresa dedicada a atender o servizo 1004 de información ao cliente de Movistar, un ERE contempla o despedimento de 205 traballadoras e traballadores da Coruña. "Este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galiza e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa comezaron a atender as chamadas", denuncian os sindicatos de Extel e a propia Mesa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta