Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/10/2016 | Actualizada ás 09:35
Camilo Nogueira, ex deputado galego, ex eurodeputado e líder de Esquerda Galega será homenaxeado polo seu 80 aniversario. Unha homenaxe que terá lugar o 11 de novembro, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela e estará conducido pola xornalista Fernanda Tabarés, Manuel Rivas e Suso de Toro.
Actuarán Uxía e os grupo "Tundal" e "Pardal na rúa". Entre outros, falarán tres mulleres que teñen relación con algúns momentos da súa vida pública: Pencha Santasmarinas, Ana Gandón e Ana Miranda. E tamén os portavoces dos grupos políticos presentes no Parlamento: X. F. Leiceaga, Ana Pontón, Pedro Puy e Luis Villares.
A Comisión Promotara desta homenaxe xa ten unha páxina na rede social de FB na que informa da mesma e do homenaxeado. “Camilo Nogueira Román, Camilo, é un patrimonio deste noso país e fillo das súas mellores tradicións. Enraizado pola súa orixe familiar no galeguismo republicano vigués encarna tamén as novas xeracións que retoman e refundan o nacionalismo galego desde a esquerda nos anos sesenta e setenta”, apunta.
“En Camilo vemos un home eu político construtor do presente de autogoberno e benestar. Unha figura da nación que encarna pensamento crítico, tolerancia, diálogo, apertura sempre ao tempo que nos toca vivir e tamén unha firmeza nas conviccións que atravesa toda unha vida fecunda”, engade.
Intensa actividade política e sindical
Nogueira formou iniciou a súa actividade política e sindical en Galicia Socialista, un grupo que daría orixe ao sindicalismo nacionalista galego e que acabaría fusionándose coa Unión do Povo Galego en 1971. Participou na fundación da Asemblea Nacional Popular Galega-Tamén estivo implicado na creación do Partido Obreiro Galego (POG) en 1977, do que é un dos seus líderes, e que logo se refundou como Esquerda Galega (1980), un partido nacionalista de esquerdas que chegou a conseguir un deputado nas Eleccións Autonómicas de 1981 (as primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia). Nesta época, Nogueira participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Esquerda Galega fusionouse co Partido Socialista Galego e ambos acabarían integrándose no Bloque Nacionalista Galego co nome de Unidade Galega en 1995. Ademais foi deputado no Parlamento galego nas lexislaturas 1981-85, 1985-89, 1989-93 e no período 1997-99 da lexislatura 1997-2001, ata que foi elixido deputado no Parlamento Europeo (1999-2004).
Os organizadores do acto suliñan que para colaborar e recibir un libro de homenaxe é preciso aboar 20 euros na conta: Ingreso de 20 euros na conta: ES34 2100 2186 9102 0038 7825 (CaixaBank) Indicando o seguinte: Concepto: Homenaxe a Camilo Nogueira Persoa que se inscribe: Nome, Apelidos, Localidade e Correo persoal
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.