Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2016 | Actualizada ás 17:58
A empresa de moda Caramelo, do grupo Inveravante, solicitou este martes a apertura do proceso de liquidación no Xulgado do Mercantil da Coruña. Fontes da compañía informaron que o equipo afectado está composto por 169 traballadores, 79 deles en Galicia.
A representante sindical Pilar Servia, que foi a presidenta do comité de empresa ata hai algo máis dun ano —actualmente estaba de baixa—, destacou o "triste final" para unha recoñecida marca galega.
A marca téxtil, pola súa parte, a través dun comunicado, resalta que "se fixo todo o posible para intentar recuperar a senda da rendibilidade unha vez que puido superar o concurso de acredores en 2014".
Ao respecto, refírese á adopción de "diferentes medidas, como a apertura de novas tendas ou o relanzamento da marca, ademais da busca do equipo directivo que mellor encaixase coa realidade da empresa". Pero, a pesar diso, sinala que Caramelo "non conseguiu superar as perdas dos últimos exercicios, véndose abocada á liquidación".
"A actividade de Caramelo viuse seriamente danada pola profunda crise de consumo que ha afecta a toda Europa e, de forma particular a España, mercado ao que a empresa estivo excesivamente exposta nos últimos anos", expón.
O XULGADO DECIDIRÁ AS SEGUINTES FASES
Tras a solicitude de liquidación por parte de Caramelo, corresponde agora ao xulgado decidir as seguintes fases do proceso legal para esta, apunta a compañía.
Pola súa banda, Pilar Servia lamenta que "non esperaba que a liquidación fose total", senón parcial, despois da materialización de expedientes de regulación de emprego nos últimos anos.
"É o que hai, un final moi triste para a empresa, que pelexou por sacala adiante, pero que se atopou cunhas condicións moi pésimas", relatou esta traballadora, unha das 169 afectadas pola liquidación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.