Temas: CARAMELO EMPRESA

O Xulgado disolve Caramelo e abre a súa fase de liquidación

Deste modo, quedaron destituídos os administradores, que son substituídos pola administración concursal. O equipo afectado está composto por 169 traballadores, 79 deles en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2016 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña, acordou a apertura da fase de liquidación da entidade Caramelo S.A.U. e declarou a disolución desta empresa, segundo consta no auto xudicial asinado con data do 28 de outubro. Deste modo, quedaron destituídos os administradores, que son substituídos pola administración concursal, sen prexuízo de que poidan continuar na representación da empresa durante o procedemento e nos incidentes nos que sexa parte.

Tenda de Caramelo
Tenda de Caramelo | Fonte: EP.

A empresa de moda Caramelo, do grupo Inveravante, solicitou o pasado martes 25 a apertura do proceso de liquidación. Fontes da compañía indicaron que o equipo afectado está composto por 169 traballadores, 79 deles en Galicia.

Aberta a fase de liquidación, quedan en suspenso as facultades de administración e disposición sobre o seu patrimonio con todos os efectos establecidos no título III da lei concursal.

Ademais, quedou reposto no seu cargo o administrador concursal, Antonio Zamorano Fernández e Antonio Amorrich Campos (PWC Corporate Finance S.L.).

QUINCE DÍAS PARA UN PLAN

O xulgado dá un prazo de 15 días, computados dende a notificación da resolución, para que a administración concursal presente un plan para a realización dos bens e dereitos integrados na masa activa. Os créditos concursais aprazados e a conversión en diñeiro dos que consistan noutras prestacións decláranse vencidos.

Contra esta resolución pode presentarse por escrito no prazo de 20 días hábiles un recurso de apelación.

A semana pasada, a sinatura téxtil resaltou que se fixo "todo o posible para intentar recuperar a senda da rendibilidade unha vez que puido superar o concurso de acredores en 2014", malia o cal non se conseguiu "superar as perdas dos últimos exercicios, véndose abocada á liquidación".

Temas: CARAMELO EMPRESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta