Por E.P. | VIGO | 15/12/2016 | Actualizada ás 18:20
O candidato á presidencia do Partido Popular de Vigo Javier Guerra, criticou "o show dos avais" de Elena Muñoz, quen este xoves presentou un total de 715, e incidiu en que no Congreso Local deste sábado os populares vigueses contan con "dúas opcións: Resignarse ou ter unha alternativa que les de ilusión e estea en disposición de competir pola Alcaldía de Vigo".
Como é que hai máis avais que afiliados?
Nunha rolda de prensa este xoves, Guerra indicou que el presentou máis de 400 avais, e dixo que lle "chama moito a atención" que Elena Muñoz puidera presentar 715 cando no censo se establece que "hai 1.050 persoas que -poden- votar". "Non dan as contas", remarcou, e engadiu que lle "dá moitísima pena que -se de- esta imaxe aos afiliados".
Neste sentido, censurou "este show, este circo", e mantivo que parece que a súa adversaria quere "gañar o congreso hoxe, presentando avais de moitas persoas que non van estar en disposición de votar, e non o día das votacións". "Isto non é un congreso de avais, senón de votos, e pregúntome que pasará se Elena consegue menos de 700", apostilou.
"Non creo que estea feliz", comentou sobre Muñoz, antes de reparar en que este xoves xunto a ela non estaba na rolda de prensa a excandidata que se uniu ao seu equipo, Lucía Molares. Nesta liña, o candidato tamén apuntou que "ás veces o problema é non ter capacidade de autocrítica". "Iso lévanos á situación do PP en Vigo", selou.
Votación este sábado
Guerra recordou que na sede provincial avisaron de que "non querían espectáculos", e neste contexto defendeu que o seu equipo fixo unha "campaña en positivo" e rexeita "participar en espectáculos". "Non queremos quitar a atención do importante", subliñou, recordando que a votación, que será "libre e secreta", terá lugar este sábado na sede de Afundación.
Finalmente, incidiu en que "mostrar avais é un triquiñuela", se ben recoñeceu que "a partir deste momento os avais non teñen importancia" porque "o que hai que facer é votar" nun congreso no que prevé unha alta participación, xa que "hai sensación de que hai que facer algo".
Guerra lembra as derrotas de Muñoz fronte a Caballero
Guerra tamén insistiu en que a intención do seu equipo é "presentar unha alternativa" e "explicar que hai unha posibilidade de cambio", polo que fixo unha proposta "sempre en positivo" a pesar de que houbo "unha campaña polo outro lado reactiva". "Nós estamos a facer as cousas correctamente", aseverou.
"A pregunta que fixemos é: ¿Está o PP en condición de pelexar polo noso obxectivo, que non é gañar a Elena Muñoz, senón conseguir a Alcaldía? O que nos dixeron é que agora non, por iso pídennos unha voz propia, que o PP de Vigo sexa o PP de Vigo", remarcou, insistindo en que é necesario "ter criterio, respecto e un partido que sexa de abaixo a arriba".
En todo caso, Guerra, que aclarou que el non se afiliou "para ser cargo", adiantou que tras o congreso irán todos "en piña, por suposto", e pase o que pase o seu equipo vai "estar no partido", se ben "cada pau que aguante o seu vai a". "Ela vai ter que levar adiante o seu programa co seu equipo, igual que nós", rematou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.