Por que foron ao cárcere os directivos de NCG?

A Sección Terceira da Sala do Penal denegou a suspensión da condena ao valorar a gravidade dos feitos. Trátase da primeira ocasión na que se ordena prisión para banqueiros condenados pola xestión das caixas de aforro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2017 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

"A gravidade do delito cometido atendendo ao impacto macroeconómico producido determina que, en aras a evitar a impunidade, sexa necesario o ingreso en prisión dos cinco condenados". Esta foi a principal razón pola que a Sección Terceira da Sala Penal da Audiencia Nacional decidiu enviar ao cárcere á cúpula de Novacaixagalicia (NCG).

Cúpula de NCGbanco
Cúpula de NCGbanco

De feito, os maxistrados apuntan no seu auto que os responsables das caixas eran "individuos que tiñan a administración dunha caixa de aforros que precisou dun rescate polo Estado e que se atopan investigados noutras causas que se instrúen na Audiencia Nacional". "Máxime cando se trata de penas consideradas polo Tribunal Supremo como penas benévolas", engaden no auto do 16 de xaneiro os maxistrados Alfonso Guevara, Antonio Díaz e Ana María Louro.

Por estes feitos, a Audiencia Nacional ordenou o luns o ingreso en prisión para catro directivos de Novacaixagalicia (NCG) e un asesor xurídico que foron condenados en 2015 a dous anos de cárcere polo cobramento de indemnizacións millonarias que se concederon a si mesmos antes de abandonar a entidade e que alcanzaron os 22 millóns de euros.Os condenados son José Luis Pego Alonso, Gregorio Gorriarán Laza e Óscar Rodríguez Estrada -que prepararon as prexubilacions millonarias ante a previsión de que a entidade ía prescindir dos seus servizos de forma inminente-, Julio Fernández Gayoso (expresidente de Caixanova) e o asesor xurídico Ricardo Pradas Montilla, que ingresaron na tarde do luns no cárcere.

SEN DEVOLUCIÓN DO DIÑEIRO

Os exdirectivos, que favoreceron axudas de custo presuntamente irregulares para 19 membros da entidade por valor de entre 9.000 e 308.700 euros, evitaron entrar no cárcere ao ser a súa pena de 24 meses e non ter antecedentes penais. Non obstante, a Sala tivo en conta ademais que estes non devolveron o diñeiro que se fixou en sentenza.

Aquí, a argumentación apunta que "a suma das cantidades consignadas e do produto da venda dun dos inmobles embargados" a Gregorio Gorriarán "non satisfai a responsabilidade civil" fixada na sentenza e que ascende case 10,5 millóns de euros.

Finalmente, no fallo recóllese tamén que contra o auto cabe formular recurso de súplica no prazo de tres días dende a notificación ás partes.

CAUSA

A Sección Terceira da Sala do Penal denegou a suspensión da condena (confirmada polo Tribunal Supremo o pasado mes de setembro) e valorou a gravidade dos feitos. Trátase da primeira ocasión na que se ordena prisión para banqueiros condenados pola xestión das caixas de aforro.

Os contratos de alta dirección modificáronse en 2010 nun momento en que se reclamara 1.162 millóns de euros ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) para superar a situación de inviabilidade das dúas caixas que se ían fusionar (Caixanova e Caixa Galicia).

A Sala do Penal corrixiu a súa sentenza o pasado mes de outubro e impuxo a dous dos exdirectivos condenados José Luis Pego e Gregorio Gorriarán a que indemnizasen con 10,4 millóns de euros á sucesora da entidade, modificando as cantidades fixadas en concepto de responsabilidade civil nunha primeira sentenza que foi anulada polo Tribunal Supremo.

O alto tribunal ordenou recalcular a responsabilidade civil pero confirmou a prisión para os cinco directivos. O Supremo considerou esas penas "exiguas" pero recoñeceu que non podía incrementalas porque ningunha parte as cuestionou á alza.

A Sala do Penal do Supremo estableceu que os condenados fixeron súas as cantidades millonarias "a través dun mecanismo que vai moito máis alá da adopción de actos erróneos no exercicio das súas facultades de administración"; é dicir, que executaron "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Montesío

Porque se negaron ata o último momento á estafa da fusión. Agora pagan as consecuencias, a pesar de venderense ao final a cambio das prexubilacións. Agora non lles queda nada. Aos que viñan de Caixa Galicia, que apoiaron a estafa desde o primeiro momento non lles pasa absolutamente nada.

1 antivieirita da patria

FRIJOLES... un-ha vida arrodeada de delincuencia PPurita, con narcos, estafadores, desfalcadores politicastros do pepeiro... teñen que metelo no caldeiro... a prisión e cos comunes!!!