Nace o proxecto CattleCare para modernizar a xestión das explotacións gandeiras galegas

O proxecto, baseado en tecnoloxías da información e da comunicación, é impulsado por un consorcio formado por Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e as empresas Conexiona Telecom e Ictel Ingenieros, co apoio de Gradiant.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/01/2017 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) —xurdida da unión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto— vén de poñer en marcha o proxecto CattleCare para a modernización TIC das explotacións gandeiras galegas.

Aplicación do proxecto CattleCare para a modernización TIC das explotacións gandeiras galegas
Aplicación do proxecto CattleCare para a modernización TIC das explotacións gandeiras galegas | Fonte: Feiraco.

A partir dun consorcio integrado polas empresas tecnolóxicas Conexiona Telecom, Ictel Enxeñeiros e Gradiant como entidade que dará soporte ao plan de traballo, CattleCare márcase como obxectivo a modernización das explotacións gandeiras do país mediante o desenvolvemento de diversas ferramentas que permitan mellorar a súa xestión a distintos niveis.

O proxecto, analizado esta semana nunha xornada na sede de Gradiant en Vigo, pretende mellorar a monitorización das reses para extraer datos do comportamento do gando e poder establecer patróns de comportamento que permitan detectar anomalías ou que sexan indicadores de enfermidades, período de celo ou procesos de parto. Ademais, o proxecto permitirá mellorar a xestión dos recursos nas explotacións como o alimento, mediante a automatización e a optimización da loxística de distribución.

CattleCare enmárcase no Programa Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e conta cun orzamento de máis de medio millón de euros. O proxecto permitirá crear un dispositivo innovador que, colocado no gando, permitirá non só monitorizar o seu grao de mobilidade senón tamén clasificar os tipos de actividades que realizan en cada momento. Ademais, exponse tamén a monitoración en tempo real do estado dos silos de penso a través de dispositivos non invasivos de fácil colocación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta