Un serán, no vello todoterreno conducido con boa mao polo noso colega Agash, o vello Walde, cun aquel morriñento, comezou a canturrear a versión en amhara (lingua semítica oficial de Etiopía) do mítico tema musical na honra do Comandante Che Guevara. No ano 2009 a Wolde só lle quedaba do seu xuvenil espírito revolucionario… a banda sonora. Daquela estaba comodamente instalado como funcionario no servizo de Patrimonio etíope. Vivía canda a súa familia nun exclusivo condominio ás afóras de Addis Abeba. Locía con fachenda a pucha co logo da Fronte Democrática Revolucionaria do Pobo Etíope, partido oficialista dirixido con mao férrea polo ditador encuberto Meles Zenawi (1955-2012). Wolde vestía coma o meu avó “O’Corenta” cando ía cobrar a pensión (cobrar a o becerro lle chamaba) á Caixa na Pobra do Brollón, o día de feira. Wolde portaba unha americana anacrónica e sempre levaba asomando no peto unha pruma estilográfica, que nunca usaba. Con todo, este home rezumaba dignidade. Dotado dun indubidable don de xentes, mentres nós marchabamos a casa de cristo procurando restos dos feixistas italianos, el remanecía na praza do pobo, parolando cos vellotes da vila de turno.
A imitación dos afortunados indianos retornados, moitos labregos galegos analfabetos emularon o costume de amosar en sitio preferencial a pruma estilográfica. Con ela no peto firmaban coa deda no pelikan da fiestra do banco. O meu avó e o meu tío avó, Dositeo, sabían ler e escribir, pero non gostaban moito da escrita. A última vez que firmaron algo con solemnidade enviáronos á guerra. Un fíxose o parvo e librou, e o outro desertou. Cando ía no tren destino a Zaragoza dende Ferrol, o meu avó baixou do tren en marcha no apeadeiro de Repil, para ver á mai. Non o afusilaron de milagre. Iso si, enviárono á primeira liña na campaña de Cataluña.
Todo o poder mundial nas últimas semanas pasa pola tinta que acolle a pruma estilográfica de Donald Trump. Os tertulianos falabaratos de feira cansaron de dicir dende as últimas eleccións norteamericanas que este tiburón trocaría de aires cando tocase o poder. Como no caso de Hitler, este mamalón kitsch está a cumprir punto por punto as súas promesas eleitorais. A escenografía dos decretazos repítese un día si e outro tamén. O pato Donald saca de pruma nun xesto estudado, e revirando os beizos ao estilo de Rambo, garabatea cun aquel solemne estouto decreto que remata cos dereitos históricos dos indios do Medio Oeste, esoutro que esnaquiza o medio ambiente, aqueloutro que fai esmorecer os anceios dos chicanos, a dignidade das mulleres… En cada nova firma increméntase o número de focas palmeiras no despacho, aplaudindo ao analfabeto integral, ao indigno ditador caligráfico, ao mestre da post-verdade. Esa pruma estilográfica é unha arma de destrución masiva. E contra ela non hai típex hoxendía que valia para revertir o destino do noso mundo.