Estratexias para facer negocio coa biomasa forestal

En Galicia o 98% dos montes están en mans privadas e, desa porcentaxe, dous terzos están en mans de familias e só un terzo en mans das comunidades veciñais de montes en man común.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 31/01/2017 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

“Aínda que se entende que na UE hai recursos forestais suficientes como para incrementar o consumo de madeira e de biomasa, para substituír fontes de enerxía fósiles, para reducir a pegada de emisións de carbono e para estimular o crecemento e o emprego, nos últimos anos detectouse que non somos capaces de mobilizalos". É o que explica o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos.

Pellets de biomasa ardendo
Pellets de biomasa ardendo | Fonte: GC

Picos traballa nun grupo de traballo impulsado pola Asociación Europea de Innovación e Agricultura Produtiva e Sustentable (EIP-Agri). Por iso, e para mobilizar eses recursos, este profesor presentará este mércores na sesión plenaria do grupo ata nove incentivos directos e indirectos que se poden aplicar para estimular a actividade de propietarios forestais e empresas. Entre eles está a mellora das infraestruturas locais para "reducir o custe do transporte dende onde se orixina esa madeira e biomasa ata onde se consume, achegar economicamente eses dous puntos para que os recursos flúan".

E neste punto, Galicia e España, segundo este experto, están por detrás porque “quedaron en medio dunha illa entre Francia e Portugal, xa que estes países aumentaron a tonelaxe permitida para os camións que transportan madeira, o que fai o transporte máis eficiente e sustentable". 

Outros incentivos para fomentar a industria da madeira

Préstamos subvencionados para maquinaria ou axudas e deducións fiscais son outras das posibilidades que se recollen no informe feito por Juan Picos xunto a outros sete expertos. O perigo deste incentivo radica en que "ao mellor ao final só consegues chegar aos que xa mobilizaban eses recursos, co que no fondo gastaches cartos para un marxinal relativamente pequeno", polo que segundo Picos habería que combinar este incentivo con outros indirectos e "tentar que non leve unha carga burocrática asociada que dilúa o efecto ben porque o propietario para recibir pouco non se moleste ou ben porque a administración teña que gastar demasiado".

O profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos estuda a rendabilidade da biomasa galega
O profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos estuda a rendabilidade da biomasa galega | Fonte: Uvigo

Entre os incentivos indirectos estarían mellorar a información dos recursos, "confirmar que efectivamente hai suficientes peixes no mar, algo no que aínda queda moito por traballar e moitas novas tecnoloxías que empregar"; traballar sobre a propiedade da terra fomentando a asociación dos propietarios dos montes con fórmulas de cooperación e mesmo de comercialización conxunta; apoiar aos propietarios con servicios de extensión forestal, con asesoramento, e traballar na innovación social tanto cos propietarios como coa sociedade.

O 98% do monte galego, en mans privadas

Galicia é un escenario paradigmático da realidade de mobilización de biomasa forestal e madeira. Como ocorre na maioría dos montes de Europa, na comunidade galega o 98% dos montes están en mans privadas e, desa porcentaxe, dous terzos están en mans de familias e só un terzo en mans das comunidades veciñais de montes en man común. "A maior parte pertence a pequenos propietarios, algo que dificulta moito máis que entren no mercado", recorda Picos.

Se se puideran segregar os datos de Galicia con respecto ao subsector forestal en España e comparalo co resto de países europeos, a comunidade galega estaría situada "dependendo dos anos entre o noveno e o décimo posto en termos de produción de madeira, incluso con valores moi próximos aos de Reino Unido en produción propia". Pero, ademais disto, "a experiencia de Galicia é relevante porque tamén coincide con algúns dos problemas que se detectan e dase unha prevalencia da propiedade privada familiar pero hai unha industria asociada, algo que noutras partes do país desapareceu ou non chegou nunca a existir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta