A Audiencia Provincial ratifica o arquivo da causa contra o alcalde de Vimianzo

O tribunal consideraba que había "falta de indicios en relación a delitos de prevaricación administrativa, falsidade documental e cesión ilegal de man de obra". Contra este auto non cabe recurso ordinario.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2017 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña ratificou o arquivo da investigación realizada ao alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo (ex-BNG), que consideraba que había unha "falta de indicios en relación a delitos de prevaricación administrativa, falsidade documental e cesión ilegal de man de obra". Contra este auto non cabe recurso ordinario.

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo
Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo | Fonte: QPC.

Segundo explica o auto da Sección 1 da Audiencia Provincial, con data do 2 de febreiro de 2017, o auto que desestima o recurso de Mónica R.O. é "correcto" e "pouco pode engadirse por canto disecciona os elementos dos tipos delituosos e a non existencia de indicios".

"A prolongada instrución e as dilixencias practicadas non puideron determinar, aínda indiciariamente, que as actuacións realizadas polos investigados constitúan unha infracción criminal", esgrime o auto.

Sobre o contrato de obra de 18.000 euros, apunta que, da "extensa documental" unida ás actuacións, e das restantes dilixencias de investigación, "non resulta que a xunta de goberno local adoptase unha resolución arbitraria no procedemento en cuestión".

No que se refire ao suposto delito de falsidade documental, o auto apunta que se trata dunha "serie de erros ou irregularidades na notificación dunha resolución" que, "detectadas" polo secretario do Concello, "foron debidamente emendadas" e "o dolo falsario non está presente indiciariamente".

Ademais, a resolución xudicial indica que ocorre o mesmo coa denuncia de cesión ilegal de man de obra. O auto xudicial explica que se trata dun contrato de prestación de servizos e a empresa que resultou adxudicataria tiña contratada á traballadora en cuestión desde o 1 de xullo de 2011, que cesa o 31 de decembro dese ano por fin de contrato.

O auto da Audiencia Provincial da Coruña desestima, así, o recurso de apelación contra o auto de 11 de novembro de 2015 ditado polo Xulgado de instrución número 2 de Corcubión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta