O lobo mariño Luceiro sae da Unidade de Coidados Intensivos para finalizar a súa recuperación

A cría, rescatada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, estará varias semanas na piscina do Instituto Galego de Formacion en Acuicultura antes de ser liberado no Gran Sol.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 10/02/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A cría de lobo mariño Luceiro saíu este xoves pola mañá da Unidade de Coidados Intensivos que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) ten en Nigrán, onde se estivo recuperando nestas últimas semanas. O animal foi trasladado á súa nova ubicación, na piscina de auga mariña do Instituto Galego de Formacion en Acuicultura (IGAFA).

Luceiro, cría de lobo mariño rescatada en Galicia
Luceiro, cría de lobo mariño rescatada en Galicia | Fonte: CEMMA.

Para o traslado de Luceiro utilizouse a nova Unidade de Móbil MEGAPTERA da CEMMA, sendo esta a primeira vez que realiza un servizo cun animal vivo. Unha vez instalado na súa nova ubicación, o lobo mariño saíu da súa caixiña de bimbio, especialmente feita polos cesteiros de Vigo, para examinar a nova casa. Alí estará durante as próximas semanas na que é a segunda fase da súa recuperación.

Esta cría de lobo mariño macho apareceu enmallada nas redes dun pesqueiro de Cedeira do que toma o nome. Medía 100 centímetros de lonxitude e pesaba 22 kg., atopándose en mal estado.

A Unidade Móbil da Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA, recolleu o exemplar e trasladouno á UCI que a Coordinadora ten en Nigrán, onde foi atendido das diversas feridas e lesións causadas polo propio aparello no que quedara atrapado.

Despois de superar esta primeira fase de recuperación, Luceiro pasará agora a gozar dunha ampla piscina nas instalacións do IGAFA, para poder gañar o peso e musculación que permitan que sexa embarcado para a súa liberación no mar en augas do Gran Sol.

Estímase que Luceiro permanecerá no IGAFA entre tres e catro semanas, baixo a asistencia e coidado dos técnicos da CEMMA, contando coa participación voluntaria do alumnado e demáis persoal do centro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta