Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2017 | Actualizada ás 17:23
A figura do escritor Carlos Casares, protagonista do Día das Letras Galegas 2017, será homenaxeada e lembrada a través de exposicións, coloquios, rutas literarias, documentais e demais actividades que se desenvolverán nos próximos meses por toda Galcia, con especial foco na súa provincia natal, Ourense. Este luns na Cidade da Cultura foi presentada a programación que a Xunta, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e demais estamentos prepararon en colaboración coa Fundación Carlos Casares para lembrar ao escritor ourensán.
Así, varias exposicións itinerantes percorrerán Galicia, ao que hai que sumar as rutas literarias na súa honra, homenaxes, simposios, charlas, edicións especiais, concursos, certames e documentais sobre a vida e obra do protagonista do próximo 17 de maio.
O acto contou coa presenza do conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; os presidentes da RAG, Xesús Alonso Montero; Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e Fundación Carlos Casares, Francisco Javier Casares; así como representantes da CRTVG e Deputación e Concello de Ourense, entre outros.
EXPOSICIÓNS POR TODA GALICIA
A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura alberga a colección persoal de Carlos Casares, con preto de 6.000 volumes que inclúen "primeiras edicións e coleccións completas" de parte dos grandes autores da literatura galega. Unha colección que poderá visitarse nunha exposición conmemorativa que se instalará no complexo do Gaiás. Ademais, están previstas varias mostras acerca de Casares que estarán focalizadas na cidade de Ourense e Xinzo de Limia, sede da Fundación do escritor ourensán.
Precisamente a provincia que viu nacer a Casares programou a creación de varias rutas literarias por lugares relacionados coa vida e obra do autor, que se complementan con lecturas públicas, recitais e concursos literarios organizados polos municipios de Ourense e Xinzo.
A Real Academia Galega, institución da que formou parte Casares desde 1977 ata a súa morte en 2002 con 60 anos, celebrará o 17 de maio, como cada ano, a súa "xunta extraordinaria e pública" dedicada ao homenaxeado no Día das Letras, que nesta ocasión terá lugar en Xinzo de Limia.
A iso hai que sumar as 'Xornadas Carlos Casares' programadas para o 21 de abril (Santiago) e 25 de maio (Ourense) e nas que a RAG colabora con PEN Clube, organismo que estivo presidido polo escritor ourensán entre os anos 1990 e 1997.
A CRTVG sumarase á celebración do 17 de maio con varios programas, tanto de radio como de televisión, dedicados á figura de Carlos Casares, sobre o que tamén se rodará un documental que nace con "vocación internacional".
EXEMPLO DO "GALEGUISMO DIALOGANTE"
Na súa intervención, Román Rodríguez enxalzou a figura de Carlos Casares, un "símbolo" que "representa o mellor da cultura galega" e que exemplifica o "núcleo do galeguismo dialogante" en base a unha actitude "integradora, activista e loitadora desde a moderación". "Non só fixo moitas cousas, senón que o que fixo, fíxoo ben", dixo.
Para o conselleiro, Casares —que foi deputado autonómico polo PSdeG— é unha figura que "suscita gran adhesión" como "mestre do galeguismo integrador que fai crecer Galicia", polo que convidou a toda a cidadanía a sumarse á "gran celebración colectiva" do 17 de maio para estar "á altura deste xigante".
Así, apuntou que o Día das Letras é unha efeméride que serve para "construír país", que "contamina" no "sentido positivo" a sociedade galega desde a perspectiva "lingüística".
A "FESTA LITERARIA" DE GALICIA
Pola súa banda, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, manifestou que a sociedade galega foi "facendo súa a festa literaria de Galicia", unha celebración que alcanza especial importancia "no ámbito escolar" dado que alí é onde reside a "perpetuación" do idioma.
Así mesmo, instou á Xunta a que, aínda que "o 95 por cento dos esforzos de Cultura" débense pór ao redor da figura de Casares, resérvese "un 5 por cento" para lembrar outros "dous centenarios" importantes que se cumpren neste 2017: a primeira tradución ao galego da Ilíada e a Odisea por Evaristo de Sela e a inauguración do monumento a Rosalía no Paseo da Alameda de Santiago.
Neste sentido, Montero expresou que a figura de Casares non pode entenderse sen o seu "contexto histórico", que está "moi presente" ao longo da súa obra. Tras lembrar que neste 2017 tamén se cumpren 100 anos da Revolución Rusa, o presidente da RAG subliñou que "sen os acontecementos que definiron o mundo" só poden entenderse "limitadamente" a personaxes históricos como Evaristo de Sela, Rosalía ou o propio Casares.
TRABALLO NAS INSTITUCIÓNS
Por último, Ramón Villares enxalzou o traballo "en favor das institucións galegas" de Casares, un "intelectual de praza pública" que foi defensor "da liberdade intelectual" desde "posicións ideolóxicas moi precisas".
Ademais, sinalou que o Consello da Cultura Galega, organismo que presidiu Carlos Casares durante seis anos, prepara unha edición especial dun "libro emblemático" do ourensán: 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.