Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/03/2017 | Actualizada ás 11:23
Investigadores dos Centros Oceanográficos de Vigo, Santander, A Coruña, Baleares, Xixón, Málaga e Cádiz, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), levarán a cabo dúas campañas oceanográficas durante os meses de marzo e abril para recompilar a información que permitirá estimar a biomasa das poboacións de sardiña, xarda e xurelo, entre outras especies.
Este xoves comeza a campaña SAREVA, como parte dunha iniciativa coordinada con Portugal, para estimar a biomasa de sardiña do stock ibero-atlántico a través do método de produción de ovos, un estudo que se realiza cada tres anos.
Esta metodoloxía implica a estimación da produción total de ovos destas especies durante o seu período de posta, un parámetro que está relacionado coa biomasa do stock reprodutor, o que permite así obter unha estima do tamaño da poboación.
A campaña, que partirá do porto de Vigo no buque oceanográfico Vizconde de Eza, pertencente á Secretaría Xeral de Pesca, e coordinada por Isabel Riveiro, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, regresará ao mesmo porto o 15 de abril, tras unha mostraxe intensiva en varios centos de estacións nos que, ademais dos ovos de sardiña, cuantificaranse outras especies comerciais como xurelo e xarda, e rexistraranse as condicións ambientais nas que se desenvolven.
A campaña SAREVA compleméntase coa campaña PELACUS, dirixida por Pablo Carreira, investigador tamén do Centro Oceanográfico de Vigo, e iniciada a pasada semana en Vigo polo Instituto Español de Oceanografía a bordo do buque oceanográfico Miguel Oliver, pertencente tamén á Secretaría Xeral de Pesca.
Esta campaña está dirixida ao estudo das mesmas especies, pero para iso empréganse métodos acústicos, que permite relacionar a intensidade do eco co número de peixes detectados pola sonda. Ambas as campañas ofrecerán os datos necesarios para que o grupo de traballo do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) encargado da avaliación da poboación de sardiña prepare as recomendacións para os xestores pesqueiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.