Ku Klux Klan ou Luther King

Hai un argumento que debo recoñecer que me amola especialmente en todo o debate social e político sobre as línguas que se está a producir en Galicia duns anos a esta parte, ese argumento é o uso, na miña opinión fraudulento, do termo liberdade por parte de aqueles que queren reducir a presenza do galego, especialmente no ensino. Este uso fraudulento non ofende a un partido galeguista, como o BNG, controlado por marxistas leninistas, ideoloxía fortemente restritiva de todo tipo de liberdades.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 28/01/2010

Comparte esta noticia

Un estase habituando a ver a Gloria Lago e a Galicia Bilingüe presentada nalgúns medios de comunicación como unha especie de Martin Luther King, como  defensores dos dereitos civís e das liberdades contra vento e marea, eu lamento disentir, pero sinceramente vexoos moito máis similares ao Ku Klux Klan, un grupo que defende ainda hoxe  nos EUA os privilexios dos brancos, a raza históricamente dominante e detentora do poder,  sobre os negros, a raza escravizada e carente de calquera dereito ou liberdade; efectivamente Galicia Bilingüe defende, de facto, a posibilidade de non ter nengún tipo de contacto co galego, é fácil pillar na trampa do seu falso liberalismo a estes grupos, ata antes de onte, en termos históricos, o galego estaba prohibido, tiña unha espazo concedido polas autoridades non democráticas do momento exactamente do 0%, sen embargo nunca oimos a GB (tampouco ao PP e ao PSOE) cuestionar nin de forma retrospectiva, nin naquel momento os que xa tiñan idade para facelo,  nin de ningunha outra forma a prohibición da nosa língua e a imposición do castelán ao 100% sen reservar nengún espazo para o galego no ensino, na administración e na igrexa, estes grupos son os que agora, perante tímidas tentativas por ir conseguindo a normalización do galego en Galicia, non en China, e cotas do 50% no ensino non universitario, comezan a falar de imposición do galego. E eu pergunto-me: é imposición por en Galicia un 50% de galego pero non un 100% de castelán como nos últimos cinco séculos ata hai trinta anos?

 

Eu creo que eses grupos teñen un obxectivo ideolóxico claro consistente na homoxeneización  linguística e cultural de España, e para a consecución dese obxectivo a pervivencia e promoción da língua galega é un obstáculo que compre eliminar. Non é a liberdade o que preocupa a estes grupos, o que estes grupos procuran é o dereito a non ter en Galicia nengún tipo de contato cunha língua que desprezan. Non defenden o seu dereito a desenvolveren a sua vida en castelán ou á aprendizaxe do castelán, dereitos sobradamente garantidos na prática, senón que pretenden que os que falamos galego continuemos a ter dificultades para desenvolvermos a nosa vida, na nosa terra, na nosa língua e a isto eles é o que lle chaman liberdade. Lin recentemente como nun medio de Madrid, se lle reprochaba a Galicia Bilíngüe, a quen consideraban defensores do castelán en detrimento do galego en Galicia, que se ocultasen con cobardía baixo unha máscara “politicamente correcta” de defensores do bilingüismo, eu engado, a mentira e a manipulación é bastante peor que a cobardía.

 

Definitivamente encontrolle aos de GB moitos máis parecidos co KKK que con Luther King porque defenden privilexios inxustos do pasado que sempre lles pareceron ben, pero non contentes con iso, teñen a pouca vergoña de protestar contra esta tímida presenza do galego en aras dunha pretendida defensa da liberdade. E eu preguntome, como é posible que grupos conservadores e autoritarios, que nunca defenderon nengún tipo de liberdade na nosa sociedade, non só linguística, e que hoxe están presentes em amplos sectores do conservador e centralista Partido Popular, veñan agora a se autoproclamaren defensores da liberdade para esmagar a unha língua secularmente prohibida como o galego?. Di Rosa Díez que os idiomas non teñen dereitos, son as persoas os que os teñen, e polo tanto as persoas que falaban galego atá finais dos anos setenta non tiñan ningún tipo de dereito como galegofalantes, esta agresión brutal ás liberdades individuais e aos dereitos civís da inmensa maioria da poboación galega nunca ofendeu, sen embargo, nen a Rosa Díez, nin a Gloria Lago nin a Núñez Feijoo a pesar de ser agora uns autoproclamados defensores das liberdades.

 

Eu considerome liberal, polo que este uso falso da palabra liberdade me resulta doloroso. Para mim a liberdade no terreno linguístico consiste en primeiro lugar na liberdade que aporta o saber. Hai que saber unha língua para depois poder escoller falala ou non falala. Hoxe dase un analfabetismo funcional en galego e en inglés de grandísima parte da xuventude urbana galega, que é o segmento poboacional que marca tendencia en todas as sociedades, mentres todos son capaces de falar castelán con fluidez. Esta é a realidade que non preocupa ao Partido Popular en absoluto, a realidade que achega ao Partido Popular ao seu obxectivo ideal dunha España homoxeneizada e empobrecida linguisticamente na que só se fale castelán ao mellor estilo Rajoy, que só sabe falar castelán.

 

Por tanto, en primeiro lugar, está a liberdade do saber para poder escoller. Algo que preocuparia a calquera galego liberal e/ou democrata pero que non preocupa aos señores do PP. Converxencia XXI, a organización política á que pertenzo, defende a necesidade de garantir o coñecemento universal en Galicia do galego, castelán e inglés pero sin esquecer que o que non saben hoxe moitos mozos galegos das cidades é a nosa língua, ademáis do inglés, polo que recurtar a sua presenza vai en detrimento da liberdade que nace do coñecemento.

 

En segundo lugar, garantir que sexa posible unha escolla real para poder desenvolver a vida en galego en Galicia, algo que hoxe non é posible en variados ámbitos, como o da xustiza, cuxo responsable socialista a nivel central non sabemos que medidas pensa tomar para garantilo ademáis de ir a algunha manifestación,  e o mundo da empresa, entre moitos outros, é algo que tampouco preocupa nin ao Partido Popular nin ao Partido Socialista a non ser que o teñan tan oculto que non o queiran mencionar nunca.

 

Permitaseme para rematar, e excepcionalmente, a inmodestia de dicir que os que nos parecemos a Luther King somos os que traballamos e loitamos, sempre pacifica e democraticamente, a favor da língua dos nosos antergos, da dignidade dunha lingua que ata antes de onte, en termos históricos, estaba prohibida e desprezada polos poderes públicos e da equiparación total do estatuto xurídico das duas línguas actuais de Galicia, dos dereitos e liberdades individuais das persoas que libremente escollen falar galego, e de garantir a liberdade de que todas as persoas saiban falar galego, que é algo que só o ensino non universitario pode garantir, para que despois poidan optar libremente por falalo ou non falalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA