Por Manuel Vilas | A Coruña | 03/04/2017 | Actualizada ás 18:21
EQUO Galicia anunciou este luns a súa aposta por unha “andaina propia no ecoloxismo político e no ecofeminismo” desvinculándose de En Marea. O anuncio chega despois de que o Consello das Mareas elixira a Luís Villares como voceiro onte.
Sen citar a elección do ex-xuíz como líder orgánico, EQUO explica “ser unha materia pendente no escenario político actual a posta en valor da radicalidade democrática, a horizontalidade, a participación en pe de igualdade e a transparencia”. Os críticos con que Villares acapare os cargos de voceiro parlamentar e orgánico argumentan que isto vai en contra do decidido polas bases na conformación da marea.
A escolla do ex-maxistrado tamén provocou hoxe as críticas dos alcaldes da Coruña e Santiago. Dende a Marea Atlántica Xulio Ferreiro argumenta que así ráchase o consenso e quedan fóra da dirección o punto de vista maioritario dentro das mareas.
Dende Compostela Aberta Martiño Noriega admitiu hoxe a súa preocupación pola suposta deriva de En Marea, aínda que deixou claro que as súas palabras non poden interpretarse como o punto de vista do seu partido (ANOVA) dado que el non ocupa ningún cargo orgánico, pois di estar centrado ao 100% no proxecto de Compostela Aberta.
Pode afectar a marcha de Equo Galicia a estabilidade dos gobernos municipais das mareas? Parece que non, pois no seu anuncio o partido verde mostra “Ao seu apoio e o seu orgullo polo bo traballo que están a facer as xentes de EQUO Galicia nas Mareas municipalistas nos distintos concellos do país”. Un militante de EQUO Galicia é concelleiro no goberno da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.