Mucha e Nucha Nui

A doble arcada do campanario da igrexa de Cerasia perdeu a simetría hai tempo co gallo dunha trasnada de Antroido que recordan os vellos. Seica no mércores de cinza os rapaces da aldea engancharon unha cabra e un castrón en celo a cadanseu badal. As dovelas do arco do castrón ameazan ruína dende aquela, que disque soaba a arrebato como se ardese a parroquia toda. Para ser xusto, cómpre dicir que esta tortura alomenos non conlevaba morte, como acontecía en campanarios de vilas castelás nas que esfragaban as cabras dende o campanario. Cousa da España plural, do ethnos.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 19/02/2010

Comparte esta noticia

O Antroido vivíase en Cerasia coma unha grande festa. Nas casas do barrio de Nogueiras conservan unha fotografía do xoves de comadres nos anos 1960, na que aparecen retratados un grupo de nenos exhibindo a estrafalaria boneca de palla e farrapo que raptaran ás nenas en loita desigual. A boneca leva por cara unha fotografía de Sara Montiel na súa época dourada en Hollywood.
 

Un ano, sendo eu cativo, decidira ir disfrazado de cabaleiro do conde de Lemos polas corredoiras de Cerasia. Unha caixa de cartón de deterxente Skip, afuracada á altura dos ollos, servía de noble atrezzo para este guerreiro medieval. Un buzal das vacas cobría a miña testa, a xeito de infante nas Navas de Tolosa. A tapa da pota do cocido servía de escudo e unha espada de madeira feita no obradoiro de carpinteiro do avó servían de panoplia improvisada. O mellor, o escudo da liñaxe dos Castro (seis roeles) bordado no peito dun delantal de cadros que me deixara a miña mai. Nos pinreles unhas pantuflas de cadros e unhas medias de la. Cuspidiño á famosa filla da Conexa. Falando de Mucha e Nucha, estas señoras foron vistas o xoves de comadres en Verín, cinguindo ao Feijoo nun retrato histórico, tirado por Santi M. Amil (La Voz de Galicia).

A verdade é que un non sabe moi ben de que vai disfrazado o señor da gasosas, malia que semella aparentar un estrambótico cardeal (non sabemos que pensarán na COPE desta sorna anticlerical) Mentres as conexiñas se amosan como son, espelidas e retranqueiras, o Jeifo (como lle chama a avoa dun amigo de Porto do Son) mantén un xesto difícil, de vergonza contida, de populista sen gañas, de home despistado que pasaba por alí. Todo un sketch de Muchachada Nui. A verdade é que a faciana deste home se atopa nas antípodas do que un pode ver en Verín este días. Eu unicamente acodín ao batizado nos novos cigarróns, o sábado pola tarde. Festa rachada, monitorizada por un verdadeiro cardeal carnavaleiro, co mapa de La Rioja nas fazulas, e un colgante ao peito co símbolo do dólar. Mulleres nonaxenarias en cadeira de rodas pero con peluca multicolor. Ao noso carón, unha rapaza falaba polo móbil coa súa avoa, que vivía en Melbourne. Polo que se escoitaba, a berro limpo, semellaba que a señoriña verinense-australiana estaba para morrer. Nun xesto indescriptible, a rapaza ergueu o teléfono para trasmitirlle á súa avoa o son das chocas repenicando sobre as nádegas dos cigarróns, mentres unha enchente de bágoas asulagaba as súas vizosas fazulas rubias...

Voltando ao xoves de comadres na antiga vila amurallada de Verín (esta é outra historia), eu teño un par de colegas que ese día, coa súa noite, foron alá disfrazados de Baltáridas, pater et filius. Tan ben ían caracterizados que os tomaron polos de verdade en máis dun bar... Pasaron unha sede negra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA