Por Xurxo Ayán | Santiago | 12/03/2010
Todo o correo estaba intervido polos nacionais e un parágrafo do texto chamou a atención dos revisores:
_Aguardo me concedan permiso de aquí a un poco. Mirad por el Roxo, a ver si le puede al Marelo.
A carta chegou a Guntín e xa non foi parar ás maos do carteiro, senón que marchou á aldea de Severino canda o capitán da Garda Civil e dous homes armados. Na parroquia non se esquencera a denuncia do crego que levou á morte a catro veciños, asasinados e soterrados no Agro da Mamoela. Algún suposto desaparecido, que fora reclamado para a guerra, debía de estar agochado, axudado por xente de ben. Os falanxistas de Sarria e Monforte andaban coa mosca trala orella.
Os gardas civís -tricornios mouros polo que esvaraba a xeada da noite- petaron na grande portada da casa petrucia.
-Quen vai?
-Abran a la Guardia Civil.
O vello librou as contras e deixou pasar á Benemérita. O capitán, que era da parte deViveiro, non andou con andrómenas.
-Ten vostede bois?
-Teño.
-Cantos?
-Dous. O roxo e mailo Marelo.
O vello sentía un estarrío polas costas. Recordaba os primeiros días da guerra, cando os falanxistas requisaban porque si e porque non. Se lle levaban os bois –a guerra xa lle levara dosu fillos- a ruína pacería pola corte da vella casa.
-E cal pode? Preguntou o capitán despois de botar ao chao o pitelo, esmagándoo coa bota rechamante, limpa, fachendosa
_O Marelo
O capitán sacou da faltriqueira a carta do Severino, deulla ao vello e marchou cun retórico e solemne Buenas Noches.
Un ano despois, o Severino, na fronte de Madrid pasábase para o outro bando, combatindo ao carón do seu irmao deica a fin da guerra. Os nacionais dérano por morto daquela. Unha tarde de abril do 39 o Severino apareceu na aldea. A súa mai esbagoaba apreixada ao peito do fillo, do seu único fillo, xa que o outro morrera na Ciudad Universitaria.
O vello non dera pasado o inverno. Morrera na noite de Reis. Nas cortes e na leira, o Roxo xa podía co Marelo.