Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 24/04/2017 | Actualizada ás 08:00
Cunha parte da cúpula das caixas galegas no cárcere, cre que se fixo xustiza pola súa mala fe ao engordar as súas indemnizacións?
Evidentemente parécenos que as condenas son escasas. Non pode ser que falemos de condenas tan pequenas para un alzamento de bens dunhas entidades que estaban, sabéndoo os directivos, en situación precaria e xogando cos aforros de centos de miles de galegos. Se a iso lle unes que non todos os directivos foron xulgados, como Méndez …
Como valoran pois que José Luís Méndez, quen dirixira Caixa Galicia, zafase até hoxe de todos os preitos xudiciais sobre as caixas?
Nin sequera foi xulgado, malia que el só se levou 18 millóns. Francamente, non todos os responsables das caixas pagaron na mesma medida. E iso que Caixa Galicia din que era a que estaba nunha peor situación.
Por que se esfarelaron as caixas?
Hai moitas máis cousas que seguen ocultas á sociedade, máis alá da gran estafa das preferentes. Houbo unha xestión patrimonial realmente lesiva: aposta polo ladrillo, bancarización e actuación fóra das propias fronteiras de Galiza, por exemplo promovendo o ladrillo no Mediterráneo. Isto levou ao que levou. Pero todo isto viña dun deseño previo, por parte de Estado, non de anos, senón dun par de décadas. As caixas da aforro eran o obxectivo a conquistar polos grandes bancos. Lenbremos que en Galiza por exemplo case o 50% do aforro estaba nas caixas. Os dous grandes partidos do Estado, PP e PSOE, xogaron a modificar as regras de xogo para impedir que ese modelo progresara. O modelo das caixas foi durante décadas máis eficiente, polas condicións legais que tiñan que cumprir: destinar unha parte dos beneficios á obra social e a outra parte tiña que ir a refinanciar as propias entidades. Pola contra, na bancas privada os beneficios van aos seus accionistas. As caixas tiñan máis de cen anos de historia e foron medrando, pero dende o 95 o Estado foille poñendo trabas. Cando xa se sabia que o ladrillo estaba a piques de estoupar, o Estado permitiulles as caixas financiar aínda máis a construción para que esa burbulla non estoupase. Hai responsabilidades políticas en todo isto. No caso concreto das preferentes, hai que pensar que as preferentes xa as comercializaban dende paraísos fiscais, mediante unha reforma legal do ano 88. Logo foi o goberno de Aznar o que permitiu que as caixas emitiran preferentes e subordinadas.
Que opinión teñen da comisión de investigación sobre as caixas no Parlamento de Galicia. Confían en que sirva para algo?
Non é un problema do conxunto dos parlamentarios. Hai un secuestro claro da Comisión por parte da maioría absoluta do PP. Leva máis dos tres anos parada. Ao principio, houbo un proceso ás presas no que declararon algúns, pero non todos os directivos que pedía a oposición, e entregouse documentación, pero non se deu toda a documentación que se pediu. Tras as eleccións, a Comisión non foi quen de emitir conclusións e elevalas á fiscalía, cousa que si fixo a comisión do parlamento catalán coas súas caixas. Aquí non, faise todo o contrario, lexislouse para que as preferentes foran canxeadas, en 2012, por accións dunha entidade que non cotiza en bolsa. Fomos estafados polo banco e expropiados polo goberno, foi o Goberno o que provocou a perda de aforros de 116.000 familias en todo o Estado.
A nivel económico, que porcentaxe de afectados polas preferentes estiman que puideron recuperar o seu diñeiro? Que parte deles lográrono grazas a vía xudicial e cantos grazas ao arbitraxe?
Estes datos son os que levamos a comisión de denuncias do Parlamento Europeo. Pola vía extraxudicial, recuperáronse 498 millóns, a través da arbitraxe, que se abriu pola presión popular, en cinco fases, porque a pecharon varias veces. Canxes obrigatorios regulados por lei, 800 millóns de euros. A través da vía xudicial -a 1 de marzo de 2014-. nos calculamos outros 100 millóns recuperados.
E no referido as caixas galegas?
Remítome a unhas declaracións de Abanca do ano pasado nas que dicía que faltaba por recuperar un 8% dos 1.832 millóns. Falamos polo tanto duns cen millóns de euros e 8.000 persoas que recuperaron parte dos seus aforros pero non todos, porque morreron ou porque viven no rural e tiveron medo a abrir unha vía xudicial ou porque os seus herdeiros non se deron conta. Falamos das preferentes de Caixa Galicia e Caixanova só. Se a isto sumas que Novacaixa Galicia foi vendida nun proceso opaco e urxente, con todo a pagar en cómodos prazos … Foi un ‘pelotazo’ para unha entidade estranxeira ... hai moito que indagar aí.
Cando se lle saca o tema das preferentes, o presidente da Xunta sempre bota balóns fóra, culpando ao Banco de España, que era o órgano supervisor do sector e depende do Estado. Ten base este razoamento de Feijóo?
Puntualmente podemos dicir que o Banco de España e o FROB non foron quen cumprir a súa tarefa de supervisión, pero posiblemente ese modelo está obsoleto, non poden facer nada máis alá de recomendacións e notas aclaratorias. Responsabilidaes políticas hainas en todo caso, porque eses órganos dependen directamente do Goberno do Estado. Un Goberno que dende hai dúas décadas deseñou un modelo que permitía as caixas traballar no fío da legalidade. Produtos complexos destinados a profesionais e institucións puideron ser comercializados entre os clientes particulares. Isto sabíao o Banco de España e o Goberno do Estado; e a Xunta tamén o sabía. Durante os anos do bipartito non se permitiu ningunha emisión de preferentes nas caixas, e a maior que se permitiu foi ao pouco de chegar Feijóo ao goberno, en 2009. O único representante que votou en contra foi o do Concello de Pontevedra. Non todos os políticos son iguales, non; aquí hai responsabilidades concretas.
Visto que o asunto das preferentes desapareceu case da axenda mediática, corremos o risco de caer de novo nunha trampa similar agora que a macroeconomía parece ir un pouco mellor?
Non é que corramos o risco, é que xa está habendo novos abusos bancarios. Proba a chama ra calquera entidade - as 50 e pico que operan en Galicia e que salvo Caixa Rural Galega comercializaron preferentes- e pregunta por un prazo fixo. Vanche dicir que non hai nada nada, ou ofrecerche algo cun 0,01% de xuro. Iso si, logo rapidamente vanche ofrecer produtos raros e complexos que ninguén sabe que vai pasar con eles.
Por que cre que a opinión pública pasou páxina tan rápido sobre este tema?
Nas plataformas mobilizámonos un 10% dos afectados aproximadamente; pero na medida que fomos recuperando os cartos, obxectivo principal cumprido ao 100% entre todos os que estivemos na rúa, houbo unha desmobilización. Hai que ter en conta a contorna. Os medios informaban sen parar de que a arbitraxe e a canxe era a solución , que o Goberno fixera todo o posible por solventar o problema. Os interlocutores directos de moita xente eran os directivos das oficinas dos bancos, que lle vendían como favor lograr liquidez en parte das preferentes. Os medios dos bancos eran moito maiores que os medios das platafomas de afectados. Se a iso lle sumas case un cento de denuncias de todo tipo e multas por manifestacións , incluso por non levar cinto en coche aparcado ... Gastamos máis de 20.000 euros en pagar sancións e taxas, pero na vía contenciosa gañamos o 99% deses preitos.
E os medios de comunicación?
Nos medios públicos, a TVG ou a Radio Galega aínda hoxe non chegou o día que entrevistaran a algún voceiro das plataformas. Salvo a noticia puntual - en plan floreiro- dalgunha manifestación en tal sitio nada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.