O Campus do Mar, á fin, na antiga ETEA de Vigo

Abel Caballero confirma que os convenios entre o Concello, Zona Franca e Xunta serán aprobados a próxima semana.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/04/2017 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O visto e prace aos convenios entre a Zona Franca e a Universidade de Vigo e entre o Consorcio e a Xunta de Galicia, que permitirán o desenvolvemento do proxecto de Campus do Mar previsto na ETEA, será unha realidade o vindeiro martes 25 de abril, data proposta polo alcalde Abel Caballero para a celebración do pleno do Consorcio que preside.

A antiga ETEA de Vigo
A antiga ETEA de Vigo | Fonte: juantiagues en Wikipedia.

Foi o propio alcalde de Vigo, nunha reunión celebada este mediodía no Concello, o que confirmou ao reitor da Universidade de Vigo, a data na que terá lugar unha sesión na que Mato explicou que se aprobarán os convenios previstos, “o que posibilitará que vaian adiante as actividades previstas de Campus do Mar na ETEA".

"Estamos moi felices de que poidamos poñernos a traballar dunha forma definitiva”, asegurou o reitor. Pola súa banda, Caballero lembrou que transcorrido o tempo que lle dera á Xunta para que doase os edificios que ten na ETEA á Universidade, “entendemos que só quere a Cidade do Mar da Universidade de Vigo para obter 5,5 millóns de euros de ingresos procedentes de Zona Franca. Non ten outra vontade, nin vocación”, asegurou o alcalde de Vigo.

Tras lamentar a dilación dun ano dos trámites para a aprobación dos convenios que finalmente serán levados ao pleno da Zona Franca da próxima semana, Salustiano Mato incidiu na importancia de que a Universidade sexa a titular dos terreos a ETEA para así poder empezar a desenvolver os proxectos previstos. “A partir de agora traballaremos con todas as institucións e poñeremos enriba da mesa a rehabilitación do edificio Faraday, cuxo financiamento temos comprometido coa Xunta, e os proxectos que lle dan contido á primeira fase do proxecto e elaboraremos os proxectos construtivos e de desenvolvemento da segunda fase”, explicou Mato, que situou o punto de partida das actuacións previstas no momento no que se asinen os convenios entre Zona Franca e Xunta e Zona Franca e Universidade e a finalización dos traballos de rehabilitación do edificio Faraday nuns dous anos. 

O reitor asegurou que o importante para el é falar de futuro e o importante para a Universidade é “que isto vaia para adiante". "É a nosa misión poñer toda a carne no asador para desenvolver un proxecto moi importante para a Universidade e para Vigo. Imos volcarnos e non me cabe dúbida do apoio das institucións”, asegurou Mato. 

DESENVOLVEMENTOS PREVISTOS

En marzo de 2016, o Consello da Xunta aprobaba o convenio polo que o Goberno galego revertía á Zona Franca as parcelas 3A e 3B do Plan Sectorial da ETEA, que se corresponden coa área científico tecnolóxica, para que posteriormente a Universidade de Vigo procedese ao seu desenvolvemento, para dotar a Campus do Mar de infraestruturas destinadas ao emprendemento e ao desenvolvemento de tecnoloxías singulares.

Na parcela 3A atópase o edificio Faraday, que albergaría un espazo destinado ao fomento da cultura emprendedora no ámbito mariño, Emprendemar, con incubadoras e preaceleradoras de empresas tecnolóxicas, así como unha unidade administrativa e de xestión e laboratorios especializados, e no que tamén participará Zona Franca.

A este inmoble hai que engadir a parcela 3B, destinada a albergar infraestruturas para o reforzo das capacidades de Campus do Mar no ámbito das tecnoloxías singulares aplicadas ao medio mariño, en áreas como as tecnoloxías mariñas subacuáticas, a enerxía de orixe mariña e a biotecnoloxía e nanotecnoloxía aplicadas ao medio mariño. Pola súa banda, no edificio Siemens, localizado na mesma parcela que o Faraday, o Consorcio desenvolvería un centro de innovación gastronómico, no que tamén tomaría parte a Universidade de Vigo, informa a institución académica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta