Científicos galegos participan nun estudo que cuestiona a Física actual

Un equipo internacional de investigadores, no que participa persoal da Universidade de Santiago, atopa indicios de posibles desviacións no Modelo Estándar da Física de Partículas, usado para describir a maior parte dos fenómenos asociados a partículas elementais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/04/2017 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

Considerada como a máis exitosa teoría que os científicos teñen para describir a maior parte dos fenómenos asociados a partículas elementais e as súas interaccións, investigadores de todo o mundo dirixen na actualidade os seus esforzos a poñer a proba as predicións recollidas dende hai máis de corenta anos no Modelo Estándar da Física de Partículas (MS). Un novo test que conta coa implicación de persoal investigador da USC a través do experimento LHCb no CERN volve apuntar cara os prognósticos deste modelo. 

Instalacións do Large Hadron Collider beauty (LHCb).
Instalacións do Large Hadron Collider beauty (LHCb).

Os investigadores, entre os que se atopa o doutor Martino Borsato, do Departamento de Física de Partículas compostelán, atoparon anomalías que consideran “interesantes” pola forma que en que algunhas partículas se desintegran e que, de confirmarse en estudos posteriores, poderían significar unha “evidencia dunha nova física non predita no Modelo Estándar”.

Aínda que recoñecen que estes resultados teñen un alcance estatístico limitado, o sinal observado prosegue indicacións similares de estudos previos. Actualmente, os investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Diego Martínez Santos e Veronika Chobanova, traballan tamén na interpretación teórica destes resultados, o que podería establecer se estes indicios son realmente fisuras no Modelo ou unha flutuación de carácter estatístico.

Como explica Diego Martínez Santos, é un “resultado longamente esperado pola comunidade de físicos de partículas”. Concretamente, trátase dun test sobre a universalidade das taxas de decaemento en leptóns cargados (como o electrón), unha das propiedades fundamentais do Modelo Estándar. O experimento LHCb mediu a probabilidade de desintegración dunha partícula B a outra máis lixeira K e dous electróns ou muóns. De acordo co MS a probabilidade de desintegración a electróns e a muóns debe ser a mesma, pero na medida rexistrada polo experimento LHCb e no que estivo moi involucrado Martino Borsato, mostra “unha certa desviación desta predición”. 

Como aclaran os investigadores e o Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN), “o resultado é intrigante porque unha recente medida de LCHb sobre unha desintegración relacionada mostrou un comportamento similar”. Os novos resultados arredor desta anomalías obtivéronse a partir de datos completos do primeiro período de funcionamento do LHC (Run 1). De sinalar comportamentos da materia máis alá do Modelo Estándar, “o maior volume de datos do Run 2 - fase de operación na que o colisionador traballa a enerxías nunca antes alcanzadas- será suficiente para confirmar estes datos”. 

LHCb 

No Big Bang creáronse iguais cantidades de materia e antimateria, en teoría dúas réplicas idénticas en todo agás na súa carga eléctrica, negativa no caso da antimateria. De terse mantido esta simetría, materia e antimateria deberían aniquilarse, pero nalgún momento a primeira impúxose creando unha asimetría e formando os átomos que compoñen todo o que existe, dende as galaxias ou as estrelas ata os planetas. 

O experimento LHCb do Large Hadron Collider (LHC), no que USC ten unha contribución destacada, busca descubrimentos fundamentais para a comprensión das diferenzas entre materia e antimateria. Este experimento está deseñado para estudar a ruptura da simetría entre materia e antimateria producida no Big Bang, momento no que a materia “venceu” á antimateria, formando os átomos que compoñen galaxias, estrelas, planetas e todo o que existe, sen que a día de hoxe se saiba exactamente o porqué. O equipo da USC de LHCb explora, entre outras cousas, as diferenzas existentes entre materia e antimateria. 

En determinadas circunstancias é posible observar partículas de materia que se converten en antimateria transitoriamente, nun proceso oscilatorio cuxa frecuencia os investigadores miden. Estas oscilacións “son moi sensibles á existencia de partículas moi pesadas non antes vistas e que non se pode detectar directamente á enerxía de operación actual do LHC”, explica Juan Saborido, director do Departamento de Física de Partículas, en referencia á enerxía que se agarda o acelerador alcance na segunda etapa de funcionamento. 

Como explican os promotores do equipo compostelán, o LHCb está deseñado para detectar os efectos indirectos que partículas masivas sen descubrir poden ter en desintegracións de mesóns de beleza que se producen no LHC, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Breoghain

Parabens para a ciência galega!! Necessitamos muita ciência. Também no ámbito das ciências sociais, por exemplo, desbotando a o produção "científica" ou propaganda da economía vulgar imperante nas nossas faculdades.