Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2017 | Actualizada ás 17:40
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou a "boa saúde" da lingua galega, a pesar de que recoñeceu que padece "algúns achaques" en determinados ámbitos. Con todo, considera que a porcentaxe de coñecemento e de competencia da nosa lingua por parte da poboación galega e, en concreto, por parte dos mozos, é "dos máis elevados" de España e de Europa.
Preguntado, nunha entrevista en RNE polo informe do Consello da Cultura en relación á perda de falantes novos, fixo fincapé en que a mocidade galega atópase "segura e capacitada" para falar galego.
Neste sentido, precisou que, mentres o ensino é o que nos brinda a competencia para falar en galego, é a sociedade a que nos dá o uso. "Querer xustificar o emprego da lingua co sistema educativo non é correcto do todo, pois nos dá competencia: o uso dánolo a sociedade", argumentou.
A continuación, apostou por "estimular" o uso do galego no sector socioeconómico. Trátase, explicou, de que as multinacionais e as grandes empresas do lecer e da cultura utilicen o galego, pois son espazos, sinalou, nos que a xente está "máis receptiva aos sinais externos".
Así mesmo, considera que a transmisión familiar da lingua é moi importante: "Ese é o momento crucial, é o momento de incidir en cal vai ser a lingua do neno".
Por iso, subliñou a necesidade de dirixirse ás familias cando se deseñan determinadas actividades. "É unha materia pendente que ten a sociolingüística", admitiu.
Preguntado por se Galicia debería aprender doutras comunidades, como Euskadi e Cataluña, fixo fincapé en que Galicia ten "o maior número de falantes de lingua cooficial e a máis elevada competencia".
A continuación, precisou que "nin cataláns nin vascos" contan o número de catalán ou vascofalantes como se fai en Galicia. De feito, explicou que se unha persoa non é monolingüe en galego, entón non se considera galegofalante. En cambio, en Cataluña e no País Vasco, asegurou, basta con ser competente e coñecer ambas as linguas para ser considerado catalán e vascofalante.
Acto seguido, apostou por "buscar espazos de consenso" no ámbito político, xusto antes de remarcar que "a sociedade non percibe ningún tipo de conflito lingüístico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.